quinta-feira, 26 de junho de 2008
O mosteiro da Manguela
terça-feira, 24 de junho de 2008
Do que aconteceu na noite do san xoan
Nos tempos do feudalismo, alá polo século XIII ou XIV, vivia nun castelo en galicia un conde chamado don Froilán. Anque xa non era un rapaz novo seguía solteiro. Era moi afeccionado á caza e a sair dacabalo a percorre-las súas terras, acompañado ás veces por algún dos seus amigos veciños ou por algún escudeiro. Camiñaba unha mañá por uns cantís dun monte á beira do mar cando veu na praia o corpo dunha muller que parecía durmida; estaba espida pero as pernas non se lle vían porque estaba detrás dunhas rochas. Cheo de curiosidade foi achegándose paseniño, pero cando o cabalo pisou as areas espertou a muller que resultou ser unha serea, ela quixo voltar ó mar pero xa os escudeiros de don Froilán a tiñan rodeada impedíndolle fuxir. Un dos escudeiros puxo a serea nun cabalo e levarona ó castelo de don Froilán que, prendado pola fermosura da muller, namorouse e quixo casar con ela. Una vez no castelo vestida e atendida por varias doncelas quixo bautizala; e como saira do mar considerou que o nome que mellor lle acaía era o de Mariña. Pero dona Mariña era muda, non sabía falar e a pesar dos intentos de don Froilán pra ensinarlle as frases máis simples, non saia nin unha verba da boca dela e isto tiña o conde entristecido. Ó cabo do temo naceu o seu primoxenito e don Froilán veu como a nai bicaba ó meniño con amor e como o aloumiñaba, pero non lle dicía ningunha das verbas cariñosas coas que as nais lle falan ós fillos; somentes cos seus xestos se podía expresar e algunhas veces remataba chorando por non poder dicir o que sentía por el. Chegou a véspera do San Xoan e con ela a festa e a fogueira no castelo. A don Froilán gustáballe que os seus campesiños e servos se divertisen e por iso se achegou á fogueira, e con el dona Mariña co meniño no colo. Ela nunca tal vira, máis como era unha criatura da auga fuxía das muxicas. Nun intre don Froilán colleulle o meniño dos brazos e foise cara á fogueira facendo que o guindaba ás lapas. Tal foi o medo que colleu dona Mariña que da súa gorxa saiu un berro "Meu fillo",dende aquela comezou a falar. E en recordo de todo isto chamáronlle o meniño "Xoan".
quarta-feira, 18 de junho de 2008
Castelao

terça-feira, 17 de junho de 2008
O pote do caldo
sexta-feira, 13 de junho de 2008
En galego-portugues
quinta-feira, 12 de junho de 2008
Era pequerrecho

Alalá das Mariñas
Teño unha casiña branca na Mariña entre os loureiros,
teño paz e teño amor e estou vivindo no ceo.
Ailalala, ailalala..
E adiós á miña casiña, portelo do meu quinteiro,
auga da miña fontiña, sombra do meu laranxeiro
Ailalala, ailalala...
Xa chegou o sol
terça-feira, 10 de junho de 2008
Porque a min non mo deron feito...

quinta-feira, 5 de junho de 2008
Pra lingua de amor 2oo8
E as pingas borraron as túas pegadas,
caen sen reparo sobor deste camiño
que une o teu xardín co meu.
E as bágoas, coma esas pingas
tra-los vidros da ventá, borran os teus bicos
e caen sen reparo sobor do amor
que unía o meu corazón co teu.
Pero anque a inspiración chegase tarde, aquí sempre chego a tempo de escribir aquelo que creo que chega ó nivel esixido.
Esta visto que se me obrigan a escribir nunca vou dar pé con bola.
Teño que escribir cando o meu maxín está listo e cando aquelo que ando moendo pasa de picón e chega a fariña, pra así poder amasa-lo e logo cocelo, no forno de pedra, con raxas de toxo e bosta fechando a porta.
Unha rosiña branca ...
Aquela mañá de abril ela ó erguerse colleu a rosa e, descalza, achegouse a abrir a ventá; a luz do sol inundou o cuarto e ela reparou en que todo estaba cheo de flores brancas. No intre en que ela se deu a volta pra vestirse apareceu el.
Na porta do cuarto estaba el, vestido con pantalón e camisa de liño beis, moreniño, sempre impecable ... Achegouse a ela, deulle unha aperta e logo bicouna nos beizos, lene e docemente, coma sempre, coma cada día dende facía anos.
Ela moreniña, levaba posto un camisón de raso branco, e os tirabuzóns do seu cabelo caíanlle polos ombreiros rodeándolle a face. El colleulle a cara coas dúas mans e pousou os seus beizos nos dela, ata o sol envexaba a calor daquel bico:
-Bos días- dixo el.
-Bos días- contestou ela- gracias polas rosas.
-Flores pra outra flor -e volveu bicala.
Ese intre ... ese prezado intre era o que ela sempre quixo, o que anceiou sempre ...
Paseniño a porta foise abrindo e uns pes pequerrechos entraron no cuarto e botaron a correr cara ela ... aqueles peciños viñan cun sorriso porque o meniño sabía que súa nai o habia coller no colo, lle ía dar un biquiño e logo o ían acochar entre ela e seu pai e alí o meniño sentíase protexido e ben ... pra unha foto, estaban os tres pra facerlles unha foto.
O avó ...
Namentras o meniño patexaba cos zoquiños e guindaba co puchiño ó chan, súa nai tentaba calmalo aloumiñándoo, pra que o vello non o oise.
Aquel velliño de cento un anos xacía na cama dende había tres días... dende que unha mañá de sabado cando se quixo erguer da cama non foi quen. Tivera xa unha vida moi longa. Con dezaséis anos obrigárono a ir á guerra e lembraba que dunha volta estivera tres días agochado no monte pra que non o matasen, cando chegou ó campamento mandárono de volta pra casa máis morto ca vivo. Dende que sandou e ata os oitenta e un anos traballou a reo como arxina na montaña e logo ata o fatal sabado vivía sentadinho nun tallo, ó calor da lareira no inverno e ó calor do sol no medio da eira, sentado no mesmo tallo picando garabullos, no verán. Cando ese rabudo bisneto veu ó mundo cambiou a face do vello, agora xa tiña un compañeiro e un entretemento; coidar daquel anxiño. Dende que o cativo nacera o avó levábao sempre con el e o pequeno entretíñase roendo mouga de broa e máis chiculate; pero daquel sabado en diante o avó xa non se erguera máis, non lle deixaban ir onda el e tampouco lle daban chiculate.
-¿Por qué non me deixades ir onda o avó a que me dea chiculate?
Naquel intre unha voz saiu do cuarto: -Deixade vi-lo meniño. O cativo achegouse ó leito, e o avó deulle na man a derradeira onza de chiculate, antes de que unha bágoa ficase pra sempre nos seus olliños grises.
-Grazas avó, quérote moito. Pero o avó xa non puido oilo ...
Esta é a caixa que el trouxo da mili no ano 1936.
As miñas avoas
Lémbroa ensinándome a xogar á escoba e deixándome gañar, enredando comigo coas cazoliñas de xoguete e berrándome pra que saise do medio das mimosas ... as mimosas ... esas flores amarelas do entroido que enchían a casa da avoa co seu recendo, e xa van alá máis de trece anos. (abril 1994)
Cosía e bordaba, e facía os enxovais de tóda-las mozas casadeiras da parroquia, daquela parroquia que se xuntaba cada oito días, na casa do Pazo, pra coce-lo pan de millo no forno de pedra. Un día caeu no adro da igrexa, hai xa vintecatro anos, e non puido erguer máis ... (setembro 1983)
A miña avoiña sempre co pano cubrindolle o cabelo gris, pequerrechiña e vestida de negro e sempre con galletas no peto do mandil pra min ... dende hai case dez anos non voltei rillar galletas que tan ben me soubesen. (xaneiro 1998)


