
... tiña pouco máis dun aniño cando a Kiska pareu aquel canciño. E tanto e tanto lle gustou que o levaba a todos lados con el, pero no canto de levalo no colo, levábao collido polo rabo. Sua nai non quería que o levase pra dentro da casa e berraba con el -Bota o can fóra, e o pequecho cos seus andares escarranchados polos cueiros achegábase á porta da eira ou á do curral e sen dor do cadeliño abria a man e ... pum o chouchelo ó chan. Pero daba igual, o cativo pouco tempo pasaba dentro da casa sen o seu compañeiro e voltaba sair á eira, ó pé da oliveira que era onde nacera o can e volvíao a coller. Se o can tivese nacido un pouco antes libraríase seguro dos croques pois xa tería espabilado pra agocharse do rapaz. Dunha volta o cadelo quixo fuxir do neno e o pequeno colleuno por unha pata no canto de collelo polo rabo, o animaliño rebuliu e queixouse, o cativo soltoulle a pata, pero cando chegou ó chan xa o tiña collido polo rabo. Dende que o meniño aprendeu a andar ata que aprendeu a erguerse cando caia pasaron semanas, mentres tanto quedaba estomballado no medio da eira coma un sapo, sen dicir nada, ata que o avó ou a súa irmá o ían erguer. Era tolo pola nena, e cando se mancaba non lle valían os mimiños de ninguén, tiñan que se-los da súa maía. Aquela nena contoume que tiña sete anos menos dous días cando nacera o meniño e non lle-lo deixaban coller porque podía mancalo, pero cando o meniño tiña xa case o ano, a nai mandouna sentar e púxollo no colo pra que non lle caese mentras ela ía o baño; e resultou que o pequerrecho tamén tiña gana de mexar e fixoo no colo da irmá, moito riron con aquelo. Outro que tamén era tolo polo cativo era o avó, a el deixábanllo cando a nai ía pra leira e claro pra que o pequeno non chorase o avó entulláballe chiculate, pan e galletas, e o rapaz estaba que parecía un bocoi. Dunha das veces que o seu tío veu de suiza el estaba sentadiño na súa silla e o tío levouno pro curral e deixouno só diante da porta da casa, quería que o meniño chorase pra lle quitar unha foto, pero o raparigo estaba acostumado a estar sentadiño alí e era tan boiño que estaba calado coma un peto e pra máis cando o tío chegaba onda el o rapaz ría que escachaba.
Hoxe ese pequerrecho ten vinte anos, e anque teña máis, vai seguir sendo "o meu pequeno, o meniño dos meus ollos".
Nenhum comentário:
Postar um comentário