quarta-feira, 2 de julho de 2008

Camiño Sur

A dona do pazo sorría, era unha moza comprida máis preto dos trinta ca dos vinte, sentada á sombra do pinal do fondo do xardín, lendo un anaco dos Cantares Gallegos de Rosalía recén pubricados. Remataba xa o verán do 1863 e coa festa das Dores o dezanove de setembro tiña que face-la equipaxe pra voltar a Santiago. Aínda non eran as doce da mañá cando oíu rebulir de cabalos. Movida pola curiosidade, pois non agardaban visita algunha; anque iso sí, moi de vagar, ergueuse, recompuxo o vestido azul que levaba, colleu o libro e botou a camiñar cara ó pazo, coma se fose de paseo, polos carreiros do xardín. O xardín tiña unha poza rodeada dun labirinto de buxos e nela nadaba unha parella de parrulos, no medio dos debuxos do labirinto espadanas, semprevivas e margaridas enchían o ar co seu recendo.
Chegando á galería oiu a voz do seu avó que saudaba con grande estrondo. O que chegara dacabalo era o conde de Lemos. No mesmo intre o avó chamou por ela .-Mariana, ven acó. Ela acudiu á chamada e apareceu por debaixo dos arcos da galería. .-Sauda ó señor conde de Lemos filliña; que está de camiño de Monforte a Santiago e se achegou a saudarnos. Nese instante o conde sorriu .-Don Carlos Fiz, conde de Lemos, pra servila dona Mariana; e axeonllándose bicoulle a man. .-Mariana, díxolle o avó, o conde vai quedar a xantar connosco, dispón o preciso. Mariana asentiu e logo dun sorriso retirouse .-O que mande avó, co seu permiso señor conde.
As mozas da cociña estaban revolucionadas, o conde tiña xa case trinta anos máis aínda non casara. Marmurabase no lugar que o Marqués de Moure e Valadares quería casa-la súa neta Mariana co conde de Lemos e que por iso o mandara vir dous días antes de que Mariana tivese que emprender a viaxe a Santiago.
Cando dona Mariana entrou na cociña atopouse cun enorme rebumbio. Era a véspera das Dores e o marqués gustaba de que as festas na súa casa fosen as mellores de Chantada. Unha ducia de persoas bulía naquel lugar e por calquera recuncho se podían ver os preparativos: coellos limpos, polos esplumados postos pra asar, unha cociñeira aquelaba un bacoriño pró forno, dúas mozas planaban patacas, un cativo chegaba cun cestiño de ovos do galiñeiro, o saladeiro estaba ateigado de xamón, touciño e cacheira, na artesa dúas mulleres amasaban pan trigo e broa e na pía do vertedoiro unha cesta de uvas agardaba a que as lavasen.
Dona Mariana achegouse a Ilda, a caseira, e avisouna de que o conde ía xantar con eles, pra que puxesen outro prato na mesa do xardín.
Debaixo dunha viña na beira dos arcos da galería, había unha mesa na que o Marqués e Mariana xantaban tódo-los días que a choiva o permitía. En canto rematou de cociñar alí levou Ilda un prato e unha cadeira.
Ilda era unha muller gordecha de cincuenta e tantos anos, veciña do lugar de San Xurxo de Asma e levaba dende moza a servir no pazo. Vira nacer a dona Mariana así como tamén vira que a nai, dona Carme de Moure, morrera cando a meniña tiña meses por causa do andazo e porque o médico que mandara vir o marqués dende Santiago non chegou a tempo. Daquela o pai da rapaza, Don Gil de Losada e Quiroga partiu ás guerras carlistas onde faleceu meses despois. Dende aquela Ilda fora a encargada de dona Mariana. O marqués mandouna criar como a súa nai criara ás súas irmás; pra que soubese levar unha casa, fose culta, relixiosa e se entretivese facendo labores. Entre tantos aloumiños medrou Mariana, pasando os invernos na rúa Fonseca en Santiago e os veráns no pazo de Aelfe. Mentras tanto, os anos pasaban pra Ilda que nunca casara pero que vía a dona Mariana coma unha filla.
Rematara xa Ilda de poñer a mesa cando se achegaron o marqués e o conde que viñan de pasear polo xardín do pazo. Mariana baixaba do seu cuarto de gardar o libro e achegouse ó marqués .-Avó, cando queira podemos sentar a xantar. -Agora mesmo Mariana. Don Fiz, fágame o favor de sentar á miña esquerda posto que Marianiña sempre senta a comer á miña dereita dende ben cativa. -Como desexe señor marqués, respostou o conde. Antes de sentar don Fiz retirou a cadeira de dona Mariana pra que esta sentase e ela sorriulle con agrado.
Logo dun aceno do marqués, Ilda trouxo as perdices á cazola que compoñían o xantar típico do sábado en Aelfe. Durante a comida don Fiz eloxiou o bo facer de Ilda coas perdices e o marqués de Moure sorriu compracido engadindo ós eloxios que Ilda foi quen criou a Mariana e á vista está o seu bó facer, pois a moza amáis de culta e relixiosa era dona da súa casa e sabía atender a facenda sen descoidar as súas labores. As cores rubiron ás fazulas de dona Mariana.
.-Por certo Mariana, o conde vai camiño de Santiago e posto que hoxe nos honra coa súa presenza convideino a que quede á festa de mañá. Conteille que este ano teño que quedar máis tempo aquí por asuntos de terreos e o conde ofreceuse a acompañarte polo camiño sur a Compostela pra que non teñas que agardar por min, que igual tardo unhas semanas.
Moi afagada polo ofrecemento Mariana sorriu e aceptou .-Moitas gracias señor conde .-Chámeme Fiz dona Mariana .-Moitas gracias don Fiz.
PÁXINA -I-

Nenhum comentário: