Con outro aceno do marqués, Ilda e Rosa, unha das mozas da cociña, recolleron os pratos e a cazola e nunha bandexa de prata achegou Ilda as uvas á mesa pra que os señores tomasen o postre.O certo é que Ilda estaba sempre moi pendente do marqués. Ela entrara a traballar no pazo con trinta anos, daquela o marqués tiña corenta e catro e xa era viuvo, a súa dona falecera de tuberculose en Santiago por causa dunha gripe mal curada nun inverno de moitas chuvias. Naquel entón dona Carme de Moure tiña vinte anos e estaba a piques de casar con don Gil de Losada e Quiroga. Dona Carme estaba a prepara-lo seu enxoval e buscando unha costureira soubo que a mellor da redonda era Ilda a de San Xurxo. O marqués mandou recado a Ilda de que dona Carme de Moure requería os seus servizos pra que lle axudase a confecciona-la roupa. Todo Chantada sabía que dona Carme casaba e moitas mozas a envexaban pois o de Losada e Quiroga era o mellor mozo do pobo e con diferencia, pois amáis de vir de boa familia, era galante e ben parecido.
Ilda aceptou o traballo anque iso supuxo ter que ir pasar unha tempada ó pazo. Chegou aló co maio e o casamento era o día do carme polo que tiña por diante dous meses e medio pra facer a mantelaría, ganchillar a colcha e os encaixes de sabas e toallas pra dote da noiva. Ilda e dona Carme pasaban as horas sentadas na galería ata que alá polo san xoán, cando estaban cos encaixes dos panos de mesa, se decidiron a sentar debaixo dos arcos do xardin.
O marqués visitabaas de cando en vez posto que pasaba a maior parte do día fóra da casa, percorrendo os terreos do pazo ou falando cos arrendeiros. Cando el se achegaba Ilda mudaba de cor e afanábase máis na labor con tal de que el non se dese conta de que a súa presenza a intimidaba.
Polo san pedro estaba xa o enxoval rematado pero como dona carme estaba moi nerviosa pola proximidade da data o marqués chamou a Ilda á biblioteca: -Pum, pum; Ilda deu cos cotelos na porta. -Adiante, pasa pasa. -Boas tardes señor marqués, vostede dirá - Ilda xa sei que so fuches contratada para face-lo enxoval, comentou o marqués, pero Carme está moi nerviosa pola proximidade do casorio e gustaríame que lle fixeses compaña ata entón, aquí todos che temos moito aprezo e Carme precisa alguén que estea pendente dela ¿aceptarías?
A Ilda so lle fixo falla un intre pra pensalo, posto que non contaba rematar tan cedo co encargo non tiña máis traballos pendentes, así que aceptou.
Pasaron os días, pasou a voda e Ilda voltou a San Xurxo de Asma. Pasou todo o verán e dona Carme ía de cando en vez a ver a Ilda pra encargarlle algunha peza de roupa ou so pra vela. Unha tarde de vendima apareceu en Asma o coche de dona Carme e cando Ilda se achegou baixou del o señor marqués. Ilda quedou tesa e, sen saber ben como reaccionar, saudou: -Señor marqués, non o agardaba, se lle apetece un acio de uvas, estamos a vendimar. - Non Ilda, máis gracias. O que veño é a pedirche unha cousa. Ela mudou de cor, dende que estivera en Aelfe non deixara de matinar nel e a súa nai dicíalle que o quitase da cabeza, que non era pra ela; -Inda te has namorar e o marqués non vai mirar nin pra ti, pero Ilda xa estaba namorada.
-Digame vostede. - Sen andar con arrodeos: Carme agarda un fillo e eu quería que viñeses pro pazo e que lle axudases coa roupiña, que lle fixeses compaña; posto que xa sabes que aprecio moito os coidados que lle deches da outra vez. -Non sei señor, consultareille-lo ós meus pais e dareille a resposta canto antes. -Dacordo Ilda, agardo a túa resposta.
Pasados uns días Ilda aceptou a proposta e foi vivir pra Aelfe. Logo de nacer Mariana, dona Carme faleceu e o marqués encargoulle o coidado da meniña a ela. Dende entón Ilda adicouse a eles coma se fosen o seu home e a súa filla, sempre pendente e sen dicirlle nunca a ninguén que namorara do marqués.
PAXINA -II-
Nenhum comentário:
Postar um comentário