
Dona María Francisca de Portocarrero, condesa de Montijo; era a viuva do XIX conde de Lemos, pai de don Fiz. Era unha muller altaneira e de carácter seco, coma a árida castela na que naceu; cos ollos encoveirados pola extrema delgadez, a súa faciana semellaba a dunha pantasma que vaga por este mundo por non ter quen lle ofreza unha misa pola súa ánima; sempre se queixaba do mal tempo de Monforte e de que a humidade lle desfacía os ósos por dentro. Nunca estivo dacordo co seu casamento, que coma outros moitos da época fóra pactado polos seus pais pra emparentala coa casa de Alba, tan pudente neses tempos. Dende que a súa irmá casara e se convertera na Emperatriz Uxia de Francia os pais coidaron que o Conde de Lemos era o mellor partido pra ela. Sen preguntarlle nada concertaron o casamento e unha mañá de maio presentáronlle ó conde que había se-lo seu home, aquel ó que ela rexeitaría sempre anque era un mozo guapo e comprido. Sen opor resistencia algunha pasados corenta días celebrouse a voda e o Condado de Montijo viviu dous días de festa. Xa como marido e muller o Conde trouxo a dona Mª Fca. a Monforte. Ela pasou días e días fechada no seu cuarto e á fin decidiuse a deixar de chorar e abri-la porta porque o Conde lle levou a invitación pro baile que se celebraba na casa dos Losada e Quiroga.
Os Losada eran das mellores familias de Chantada e cada ano polo Corpus celebraban na Casa de Boan un baile pra nobreza Galega; a el ían asistir entre unha longa lista de convidados os Lemos, os Moure, os Alvarez-Osorio, os Eiriz, os Somoza, os Soutomaior e os Andrade. Co gallo do baile dona Mª Francisca aceptou ir á feira a Ourense a merca-la tea pro vestido e pra casulla que o conde había lucir a xogo co vestido da súa dona.
Chegado o Corpus asistiron á festa. Os Condes eran o matrimonio máis novo da festa e tódo-los convidados se desfacían en preguntas ós recén casados. Logo da cea comezou o baile e foi aquí cando o anfitrión pediu permiso ó conde pra bailar coa súa dona. O conde non puxo reparos e dona Mª Francisca accedeu por cumprir, un valse tras doutro estiveron conversando mentras xiraban polo salon e pouco a pouco dona Mª Francisca ficou prendada dos ollos de don Gil de Losada e Quiroga.
Pasaron os días e xa dona Mª Francisca se fóra adaptando ó clima húmido de Galicia, ata se convertera nunha muller facendosa e atenta ó seu marido anque cada vez que ían a un baile ou unha cea axexaba sempre en busca de don Gil. Estando unha tarde adicada ás súas labores unha das súas doncelas de compaña contoulle que don Gil pedira en casamento a man de dona Carme de Moure. Partéuselle o corazón.
Meses despois sóubose que o marqués de Moure e Valadares fora a san Xurxo de Asma en busca de Ilda a costureira, pra que lle axudase a dona Carme coa roupa do neto que estaba de camiño.
O corazón de dona Mª Francisca non puido máis coa carraxe contra dona Carme, e aquela mesma noite confesoulle ó Conde de Lemos que quería ter un fillo. A sorte quixo que concebise un meniño que naceu setemesiño ó que chamou Carlos Fiz e que sería o XX Conde de Lemos.
Case un mes despois dona Carme deu a luz unha meniña á que chamaron Mariana. Contaba a meniña uns meses cando o andazo chegou a Chantada, dona Carme tivo a mala sorte de caer enferma e por máis que loitou o doutor non puido facer nada pois cando chegou dende Santiago xa era demasiado tarde, e a vida esvaecíase tra-los ollos de dona Carme.
Ó enterro acudiu toda Chantada, ata o conde de Lemos; anque dona Mª Francisca non foi co conto de que non podía deixa-lo meniño e aledándose de que a muller que levou o home que ela quería o pagase coa vida. Mal sabía ela que don Gil falecería meses despois nas guerras carlistas e nunca sabería do seu amor.
-PAXINA III-
Nenhum comentário:
Postar um comentário