sexta-feira, 26 de setembro de 2008

Seis lúas son cincuentecatro días.

Cada verán conta máis ou menos con dez lúas. Entre o corpus e o San Ramón pasan seis delas e como cada unha ten nove días fan cincuentecatro días. Ese foi o tempo que o tamboril tivo pra respirar tranquilo sen o rebumbio dos foguetes. Durante o verán a casa é un fervedeiro de xente, iso sí, pola fresca pois ás catro da tarde non hai quen ature ó sol pra ir á sega, á leña ou por toxo. Aquela mañá de sábado os cativos da casa achegáronse á lareira cos zoquiños novos a ve-lo que o avó facía. O avó estaba na lareira ó fresco, remexendo no baúl de madeira de teca que viñera de Cuba co seu sogro Diosiño. Alí gardábanse unha chea de libros vellos que eran o anceio da maior das cativas, e tamén alí era onde a avoa tiña gardado o rosario de pau que herdara da súa nai. Á avoa antolláraselle que tiña que ir oi-la misa do san Ramón con el e o avó remexía no baúl coidando de que os libros voltasen ó lugar que ocupaban pra que collesen todos de novo. Apareceu o rosario e cativos e avó pecharon a porta da lareira.
-Mira que leva tempo este home a remexer ahí. E total que non fun quen de ver o rosario do demo porque o gardou no peto namáis atopalo.- protestaba a caldeireta.
-É un rosario que xa era de Neves do pazo -púxose o ferro da roupa a explicar- e é de pau de rosa por iso o avó o gardou no peto, pra que non perda o recendo.
-¿E ló, ti xa o viras antes?
-Vin sí, e tiveno preto moitas veces, contoume unha mañá de domingo antes de ir á misa coa dona que o mercaran nos Milagres por unha promesa á virxe.
-¿E nunca tiveches preto un deses libros? -inquiriu a caldeireta.
-Seica toleas -a voz o baúl de Cuba anoxado resoou en toda a lareira- o papel destes libros arde e o ferro quéntase na cociña pra estarrica-la roupa, ¿ti non vés que podían queimarse só con estar préto del?
-Mira tí, don sabechón, eu estiven unha chea de veces ó carón da cociña de ferro e nunca me ocorreu nada.
-E eu enriba dela -marmuraba o ferro- e xa teño queimado algunha peza de roupa, e o papel é máis delicado cá tea dos refaixos.
A caldeireta virouse anoxada coa sorna da resposta.
-Máis direivos que o que estes libros conteñen non é nada do outro mundo, pois non hai entre eles máis ca enciclopedias da escola dos rapaces e tratados sobre enxertos. -aclarou o baúl.
-Pois semella que te-lo bandullo cheo de historias e contos.
-De certo sí gardo un caderno interesante señor cribo, pois nel cóntase toda a historia do concello máis está escrito no latín dos arxinas e moi poucos saben lelo.
-Coñezo ese caderno -falou o tamboril- era o que o meu dono levaba consigo a todo-los lugares e cando ía coas vacas ó monte, escribía nel os contos e andanzas de tódo-los veciños.
De socato un foguete estourou no ar e un calafrío percorreu ós habitantes da lareira, os máis deles non por medo, senón porque non o agardaban. Foi o baúl o que se deu conta do que pasaba:-O avó estaba buscando o rosario pra que a avoa fose á novena con el. Remata o mes de agosto e é o tempo do San Ramón da Anllada.
-A istoria desa capela está escrita no caderno. Eu óinlla unha tarde ó avó mentras lle-la contaba os rapaces da casa do doutor que lle preguntaron porqué o seu hórreo era o máis grande da aldea.
-¿E iso? -con estas verbas voltaba do seu mutismo a do leite porque lle picaba a curiosidade.
Escomenzou o tamboril dicindo -Durante séculos esta freguesía foi a que máis curas deu á diócese de Santiago. Asi é que polos arredores case tódo-los curas son dacó. Antes os labregos non tiñan con qué pagarlle-las misas ós curas e o que facían era levarlle patacas, millo e feixes de trigo. E pra ter onde gardar todo iso mandaron construir grandes horreos. A casa do doutor pertencera a un seu tio, o cura de Coto e por iso é tan grande o hórreo. Outro día direivos de onde nace a auga desa casa.
-Vaia latriqueiro estás feito -ría o ferro da roupa.
-Como vos dicía moitos eran os curas nados nesta parroquia, habíaos de tóda-las ideoloxías e incluso algúns as defendían con tanto fervor que se enfrontaban ós veciños pra que se cumprise a súa vontade. Na maioría das aldeas os curas eran coma caciques, o que eles dicían ia á misa, pero non era así no san André de Vea, onde as ideas políticas enfrentaron a don Ramón cos veciños, e estes foron a Santiago pedindo que lles mudasen de párroco que senón tomarían eles a xustiza pola súa man. E así foi, como a diócese non deu resposta os veciños botaron o cura da parroquia e este trouxo consigo a capela que aló mandara erguer ó san Ramón nonnato e máis o seu cruceiro, e son os que están no campo onde hoxe hai romaría.

Nenhum comentário: