O baúl escomenzou a rir -Fiquen quedos cativos, non me fagan cóxegas, quedos coas súas prumiñas ¡quedos! -E que se nos atopa o golpe vainos comer.-Perdan coidado amiguiños, que o golpe non colle polo buraco por onde vostedes entraron.
Dende o alto o tamboril e o ferro fitaban a escea caladiños, máis á do leite non llas cocía o corpo e soltou: -Agora sí que che é boa, se deixamos que durman acó van encher todo de lixo e de piollos.
-Agora nada. Pero logo verás, cando os cativos certen deles vanlles traer auga e millo, anos deixar durmir acó, e cando vaian medrando e voen pousaranse nos andeis e deixarán todo estrado de merda.

-Non a ser tanto, non esbardalles caldeireta, ti non ves que cando o avó os fite vainos levar pro galiñeiro e rematou o conto-. As verbas do tamboril tentaban acouga-la xenreira da do leite.
-Si home, acó xa temos pó dabondo sen que estes piollentos veñan a face-lo peor.
-Moitas son as lendas que nesta terra nosa pasan de avós a netos nas noites de trebón e que falan deles, de pitiños de ouro.
E arreumuiñándose onda a esquina do baúl unhas vociñas lenes dixeron-¿É iso certo? Conta tamboril conta.
-Hai xa vintetrés anos no día de hoxe, antevéspera do San Froilán, o gaiteiro de Soutelo chamou polo meu dono e díxolle que tiñan que ir a Lugo de foliada. O meu dono acetoulle e á mañá seguinte puxémonos en camiño. Chegando a Monterroso colleunos unha treboada e tivemos que nos gorecer nun alpendre do lugar. Zorregaba auga a deus dar e decidimos acender unha fogueira nun curruncho pra seca-la roupa mentras fóra chovía. E falando da choiva e do arco da vella que sae cando raia o sol logo de chover o dono do alpendre escomenzou con esta lenda.
No alto dun outeiro preto de Monterroso había un castro e nos tempos de antes dicíase que unha moura chegara alí cun tesouro, pero como xa tentaran roubarllo noutro castro agochouno tras dunha fonte. Moitos mozos dos arredores percorrían os camiños das fontes logo das treboadas porque a lenda conta que a chave pra abri-la fonte e colle-lo tesouro é pilla-la galiña dos pitiños de ouro. Cando remata a choiva os vermes que hai no chan saen porque os seus buracos se lles encheron de auga. É daquela cando a galiña sae cos pitiños a comer nos vermes e beber da fonte fresquiña. Un cativo que andaba polos arredores co gando viunos sair da fonte e andivo a enredar con eles ata pilla-los todos e metelos no peto. Saiu entón a moura e pediulle que soltase os pitiños de ouro sen mancar ningun deles, dicíndolle tamén que se os liberaba lle daría o tesouro que agochaba na fonte. O tal cousa oir o rapaz soltou os pitos de golpe e un deles mancou unha patiña ó caer ó chan. Naquel intre a moura desapareceu levando no colo a galiña e os pitos dicindo: posto que non fixeches caso da miña petición e mancaches un dos pitiños non che penso dar máis tesouro có pito coxo, pero de carne é óso. E dende aquela treboada non se voltaron ve-los pitos de ouro.
Nenhum comentário:
Postar um comentário