As tardes na lareira son moi malas de levar en silencio, oindo só o zumbido das moscas. Un deses seráns estando de palique a do leite e o da roupa decatáronse que o xerro tiña un debuxiño no bandullo:
-Oiches xerro, levamos un anaco a matinar o ferro e máis eu pra saber ¿quen che fixo ese debuxo no bandullo home?
-E eu que sei, seria o alfareiro, ou ó mellor un artista dalgunha aldea, o que sei e que o levo dende que nacín.
-Pois eche ben curioso, o artesán que te fixo firmouche no fol, e non canso vai e ponse a pintar. Debes de se-lo único xerro do mundo cunha cunca no ventre.

-Mira caldeireta, déixame tranquilo ¿queres?.
-Bueeeno home, bueeeno. Xa calo.
Pero unha das moscas que andaban a voltas por ali pousouse na cunca que o xerro ten pintada: -Parece que a mosca quere aprender a lere, xerro. -Soltou entre gargalladas a do leite.
-O único que pon é XX Festa do viño da Ulla, pois alí me mercaron, e coma min había ducias de xerros e xerriñas.
Dende o fondo do andel onde o tamboril descansaba, unhas verbas calaron o zumbido das moscas, que pousaron no aro do cribo pra escoita-lo conto.
-Moitas son as festas neste noso país, onde se ven xerros, cuncas, cazolas ou pratos de barro cocido co nome da festa na que se venden. Igual ca na ulla, pasa na feira do mel de Quiroga, co queixo da Arzúa, ou cos callos da francesada do San Miguel.
-Anda que non tes conto ti nin nada, iso da francesada inventachelo agora mesmo. unha das moscas saiu zumbando do aro do cribo pra irse abanear no aro da caldeireta. -Quita dahí becho ... -rosmou ela.
-Eu non teño por qué inventar ningún conto, de certo estaría mellor caladiño e descansando sen ter que rifar contigo leiteira, pero tampouco ven mal, de cando en cando, botar unha parrafada.
-E tan de cando en cando -acenoulle o ferro- levas un mes caladiño, os trinta días fainos hoxe, pero xa que comezaches cóntanos que é iso da francesada do San Miguel.
-Estando de alborada aló na Arousa coñecín unha gaita que me contou como sobreviviu o santo daquela capela á invasión dos franceses. Aló polo 1800 os veciños dunha aldea da Arousa fixéronlle unha capela ó San Miguel e tódo-los anos pola vendima coincidindo coa súa festa facían unha comida na que o prato principal eran os callos. No ano 1808 os franceses quixeron invadir a nosa terra e chegar polo camiño xacobeo a tomar Santiago, máis en terras dos Celenis os galegos fixéronlle-la espera e déronlles unha malleira. Algún deses franceses, agochado polas congostras, chegou ata o cuartel e avisou do acontecido. Foi entón cando se puxeron de novo ó camiño, pero desta vez arrasaban con todo. Ían polas aldeas asasinando mulleres, meniños e vellos, entraban nas igrexas, levaban todo o que houbese de valor e logo prendíanlles lume. A gaita contoume que o tío avó do pai do gaiteiro, que morrera de moi velliño con cento oito anos; se librou daquela matanza porque a súa nai se agochara con el nunha cova no monte. Un dos que se salvou da francesada foi o San Miguel ó que os veciños da aldea quitaron da capela pra que non lle-lo queimasen os franceses. Entre catro homes collérono e agochárono no pozo dunha casa que os do pazo da Golpilleira tiñan na vila. Anos despois cando xa botaran fóra ós franceses quitaron o santo e levárono á capela do pazo. No día da súa festividade colleno pola mañá e levano de volta á súa capela, onde está durante os catro días da festa ata que o baixan á capela do pazo.
-¿E os anos metido no pozo, non lle fixeron mal á madeira do santo?
-Non cribo non, ese é o miragre do santo, a imaxe saiu do pozo igual de nova ca cando a meteran.
Nenhum comentário:
Postar um comentário