Aquel venres os cativos rebulían por todos lados mentras súa nai baleiraba un dos cabazos que viñeran da veiga da eira.¿Pra que quererán estes trosmas o cabazo ese?, se total o único que lle podían aprobeitar e xusto o que están a guindar- estas e outras dúbidas rondaban a cabeza do ferro da roupa que calado ollaba que os cativos viñeran buscar un dos cirios que se gardaban naqueles andeis.
-¿Que che ocorre ferro?, que tan atento estás o que fan os cativos - inquiriu a do leite.
-E que o que se come dos cabazos é a carne de dentro coa que se fan chulas, non sei pra que o baleiran.
-Nin eu. ¿Oes tamboril, ti non saberás que andan a argallar?
-Hoxe é o Samain, a noite na que a liña entre o mundo dos vivos e o dos mortos é máis feble, o que fan co cabazo é unha lanterna pra que se guíen as ánimas dos mortos da familia.
-Bueno tampouco será pra tanto, ti es un caso, cando botas calado tanto tempo sempre saes con algunha nova, ¿non é ferro?
-Acouga que pode que sexa certo o que el di, pensa que coñece moita xente e moitos sitios, por qué nos ía enganar.
-Que estivese calado case catro semanas non quere dicir que estivese argallando algunha trola. O ano dos celtas remataba canda a colleita, e crían que nesa súa última noite do ano a liña antre os dous mundos deixaba que os defuntos viñesen a visitalos. E pra que se guiasen facían lanternas coas cabazas coma a que están a facer os cativos. Logo cando os romanos viñeron e nos inculcaron o seu calendario colleron moitos dos costumes que xa tiñamos e adaptáronos; por iso o día de tódo-los santos lles levan flores e candeas ós cemiterios. Antigamente facíano a noite do Samaín. A xente saía ós camiños de noite enloitados e con candeas. Daquelas procesións quedounos a crenza da santa compaña e moitos contos coma o de Xan do Caeiro.
-Contanos logo qué lle aconteceu a Xan do Caeiro, haber se o conto é máis crible- riron a caldeireta e o da roupa.
-Sabedes que a santa compaña é unha procesión que percorre os camiños e as aldeas, diante levan un cadaleito e se polo camiño atopan algún vivo, este está obrigado a termarlles dunha das candeas ata que atope outro vivo que lla colla. O que lle ocorreu a Xan do Caeiro foi que unha noite, mentras voltaba á casa de ir ve-la moza que tiña nunha aldea veciña, chegando á Senra oiu unha campaíña e viu unhas lusiñas que se lle achegaban en procesión. Agochouse tras dunhas silvas e puido ve-la santa compaña que levaba unha caixa cara a súa aldea. Cos ollos arregalados polo medo botou a correr polas congostras pra chegar antes cá procesión. Comezaron os cans a oubear, pois ventan a morte, e por máis que apurou o paso Xan non foi quen de adiantar á compaña. Cando chegou á súa eira veu que dentro da casa había luz, e creu que falecera algún veciño e que a súa nai se erguera pra axudar, albiscou pola ventá e veu un home coma el pero máis vello dentro do cadaleito. De súpeto caeu ó chan. Alí o atoparon pola mañá e cando se recuperou soubo que falecera un seu tío que viñera había uns días da Arxentina. Dende aquela sempre que alguén camiña de noite e oe oubea-los cans prega pra que a santa compaña non o leve no cadaleito.
Nenhum comentário:
Postar um comentário