A mañá que don Fiz saiu de Monforte, a cabalo polo camiño sur a Santiago, atopou ó correo persoal da súa nai onda a ponte romana do Cabe. O correo viña de Sarria e cando entrou na cidade dirixiuse polo malecón cara á rúa das escadas porque era o camiño máis curto pra subir ó castelo. Alí atopou ó conde e entregoulle o sobre lacrado da súa nai. Nel dona Mª Francisca lembraballe ó seu fillo que, de volta de Francia, ía facer noite en Lugo e que se verían no pazo de Fonseca en tres días. O XX conde de Lemos asentiu e mandoulle resposta á súa nai polo correo de que así sería.
Xa en Aelfe cando o marqués de Moure e Valadares o convidou á festa das Dores aceptou sen pensalo, pois dispuña de tempo abondo.

Dona Mariana estaba coma sempre, fermosa coma as rosiñas de abril, a súa pel branca, as súas finas mans ... todo nela agradaba a don Fiz.
O marqués non quería que a súa neta quedase na casa só por coidalo a el. Quería que casase e que tivese fillos pra desfruta-los bisnetos antes de pecha-los ollos; moitas veces lle-lo tiña dito nos derradeiros anos, pero Mariana era feliz así. Aelfe era a súa casa e non quería deixa-lo pazo por nada do mundo; amáis de que os pretendentes que a rondaban eran todos fidalgos santiagueses, deses que nunca deixaría a comodidade da cidade pra vivir no paraíso da terra.
De todos cantos esforzos fixo o avó por casala o único que lle saíra ben ata o de agora era o do conde de Lemos, e era por iso que o convidara á festa.Logo de remata-la sobremesa o marqués retirouse a descansar. Nese intre don Fiz ofreceulle a Mariana o seu brazo pra aprobeita-lo sol da tarde e pasear polos xardíns.
-¿cal é o voso recuncho máis querido do xardín dona Mariana? -Non sabería contestar, dende cativa estiven sentada nos arcos do pazo vendo florecer o xardin, enredei no labirinto e cada día vou paseando ata o pinal do fondo pra sentar a ler un anaco. Todo el me gusta ¿a qué ven esa curiosidade don Fiz? -E que a vosa faciana fai que as mellores rosas do xardin perdan dozura e beleza se as comparamos.
As fazulas de Mariana mudaron de cor; nin que o tempo se parase pasaría máis vergoña coma cando se decatou do sorriso de don Fiz, e de que tamén nos ollos del unha estreliña delataba rubor.
Unha parella de rulas comezou a cantar dende o pinal. Mariana respirou alivivada -Parece que as rulas nos chaman, vaiamos sentar á sombra, gustame oi-las cantar. -Como desexe miña dona.O Tempo discorría oíndo canta-los paxaros ata que as rulas botaron a voar a ningún dos dous se lles oiu unha verba -¿E cal é o libro que anda a ler estes días? -É unha publicación nova, os Cantares Gallegos, gústame a poesía e Rosalía sabe transmiti-los seus sentimentos cun só verso. ¿E vostede don don Fiz, ten algún poeta ou novelista preferido? -Pra non mentir dona Mariana agora mesmo non teño tempo de lecer, dende que faleceu o meu pai, son eu o que leva as contas da casa. A miña nai padece dos ósos cada día máis e pasa longas tempadas en Francia e eu son o que se encarga das terra, dos impostos e de todo. Pero o que máis me gusta é pasear e se pode ser en boa compaña mellor aínda, ¿seguimos?.
Dona Mariana acenou un sí cos ollos, prendeu o brazo de don Fiz de novo e botaron a camiñar. Aelfe estaba no alto e dende o pombal tiña unha fermosa vista do val de Chantada. Os mozos estiveron a pasear case toda a tarde, polo pinal e dende o pombal ó pazo, aproveitando un dos derradeiros días de sol no val, sentando a cada pouco onda unha fonte ou nos valos dos terreos do pazo. En chegando o lusco-fusco atravesaron os arcos do pazo e foron sentar ó comedor. Alí, onda a súa libraría, o marqués firmaba uns pregos sobor da herdanza das súas terras, atopábase feble e non quería faltar desta vida sen que Mariana casase e herdase todo.
-Parece don Fiz, que o paseiño con Mariana foi do seu agrado; enredaron case toda a tarde. -Como non ía ser, a súa neta é unha muller moi leda. Estivo ensinándome os terreos do pazo. -Gustaríame que Mariana me escoitase e me fixese caso por unha vez. Xa lle falei de que quero que case antes de que eu morra; pero non quere nin oir falar diso -Non diga iso avó, vostede ha vivir moitos anos aínda. -Pode ser Mariana pero esa é a razón pola que convidei ó conde. Falamo-lo esta mañá e está dacordo en que casedes, incluso aceptou vivir acó se non queres deixar Aelfe. ¿Ti que dis?
Nenhum comentário:
Postar um comentário