-¿E isto pra qué será?
-Claro caldeireta este é o primeiro inverno que pasas acó connosco, ríu o da roupa, o rapaz voltará con outros dous, ou tres, brazados máis de loureiro, é pra afumar os chourizos da mata, claro, por iso o avó non veu onte, seguro que a mata foi pola mañá, e hoxe estan a enche-los chourizos e salga-la carne. 

-Hoxe coido que non han enche-los chourizos- a voz do tamboril interrompeu a conversa dos outros dous.- Primeiro deixase o porco pendurado dun día pra outro onde lle dea o aire, anque cuberto cunha saba por mor das moscas, pra quitarlle o bravú. O seguinte que fan é partilo e ir gardando no saladeiro o unto, a costilla e todo o que non van comer estes días. Logo con carne picadiña, algo de graxa, pementón e máis cousas faise a zorza que se enche na tripa delgada, pois a grosa é a das morcillas de sangue, prós chourizos. Conto que polo de hoxe non vai vi-lo avó pra acó a afumarnos a todos co loureiro.
-Boa explicación tamboril, eu coñézoa porque sempre estiven enriba da cociña, a caldeireta non porque estaba no armario de leria cos outros trebellos, ¿pero tí andabas de cote de romaría, como é que sabes todo iso?
-Este é un latriqueiro, de seguro que o sabe de oídas ou por algún acontecido a calquera bébedo dos arredores- espetou a do leite toda chea de razón.
-Anos pasaron dende que a mata deixou de ser unha festa, un refrán moi galego dí "no san Martiño, cacheira, pan e viño" e outro "no san Martiño proba o teu viño". Ó igual cá sega, a malla e a esfolla, a mata tamén era xeito de se xuntaren os veciños e facer festa. Os mozos axudaban a aguantar do animal e pinchalo e as mozas xuntábanse pra botar unha man a afumar e lava-lo porco logo de morto. Unha vez pendurado a muller da casa puña na mesa filloas de sangue e viño novo pra todo-los que axudaran, sempre había quen collía a gaita e lle botaba unhas pezas, ó caloriño da lareira todo-los veciños facían festa e baile.
-¿E non sabes de ningunha leria?, ¿non me diga que só nos ías contar iso?- á do leite non lle pareceu nada ben que o tamboril calase de súpeto.
-De certo íavos contar un feito que ocorreu nesta aldea, pero aínda non me destedes tempo.
-Fala tamboril, deixa que badúe que xa calará.
-O que vos vou contar aconteceulle a Manuel de Terceiro de rapazolo cando unha noite de san martiño voltaba da mata da aldea de baixo. Anque era en novembro o sol lucira todo o día e quedara unha noite crara de luar. Viña subindo polos campos e cando chegou onda a carballeira oíun uns pasos sobor das follas, cando se viraba non vía a ninguén, máis cando voltaba camiñar ó pouco oía as pisadas pola beira, non fixo caso. Ó pouco oíu unha queixa tras del, coma se alguén se laiase por levar unha tunda, parouse e fitou ás súas costas máis non viu nada. Estaba só. Seguiu camiñando e unhas alancadas antes de chegar á cruz do camiño voltou oi-los pasos, os laios e unha man fría nas costas, botou a correr ata chegar á casa, e endexamáis voltou falar.
-Non te anoxes muller, o que vos dixen é certo. Máis o que ocorreu seino porque lle-lo escribeu ó seu pai ó día seguinte cando lle preguntou porqué non falaba. Percorreron xuntos toda a carballeira máis non atoparon nada. O meu dono coñecía ó cativo e a única verba que voltou dicir foi cando un cativo desta casa, por tornarlle ó can da cancela pra que Manuel entrase, caeu dun esqueiro pequeno e partíu un brazo. -Non lle berres ó cativo, foi pra tornarme ó can.

Nenhum comentário:
Postar um comentário