quinta-feira, 11 de dezembro de 2008

Trinta días con trinta noites

Ese foi xusto o tempo que pasou dende a mata do san Martiño. Rezaban os derradeiros días do outono máis xa chegara o frío. A neve cobría os tellados e a lareira quedaba prendida día e noite, pra cando os cativos espertasen pra ires á escola non tremesen co frío.
O avó entraba e saía da cociña do forno de cando en cando cun brazado de leña e logo de votarlle-la ó lume voltaba saír camiño da cociña.
-Que ben estades ahí enrriba, non sabedes que frío está o chan.
-Sintocho cubano pero heche o que ten ser un traste grande e pesado, estes andeis non rexerían co teu peso- A sorna da leiteira e os risos do ferro anoxaron ó baúl.
-Burro grande ande ou non ande.
-Un día estiven tentada -recitoulle a caldeireta- en casar cun home alto, e agora teño na casa o pendón do jueves santo. Ti non vés que por onde eu paso ti non cabes.
-Sí pero en min cabe o moito e mailo pouco.
-Xa abondou- berroulles o cribo- acó pendurado cunha dándolle á lingua ó carón e o outro a rifarlle dende abaixo tendesme tolo. Rematade xa esta parvada de rifa. Todos sabemos ditos e non por iso nos poñemos con eles sen máis.
-Can que ladra ... Ti non ves cribo que canto máis te queixes peor cho vai facer a do leite.
-Non me toques que me lixas, díxolle o pote ó caldeiro. Ti que falarás ferro, se és coma ela. Non tedes remedio.
-Foi falar de merda o máis cagado.- Espetoulle ela.
-Pensa o ladrón que todos son da súa condición, a min non me compares que ben caladiño que estou aturándovos as vosas lerias.
-Miña sogra aforradora, do que non pode jastare, inda ten un unto enteiro, dun porco que ha de matare. Se non falas é porque non vai contigo e non tés nada que dicir.
-Boca ladra, que non das puntada sen fío.
-O que non sabe é coma o que non vé, e se non sabes de que falamos ficas calado.
-A inorancia é un grado moi oculto, que non se vé, pero se nota.-todos ficaron calados, a sentencia do xerro foi definitiva pra remata-la discursión.-E que me tende-la cabeza rota. Silencio ¡¡¡XA!!!
-Gracias xerro, ata eu me estaba anoxando, xa parecen dous irmáns da castela que coñecín no servicio.
-Vaites, ¿agora tamén nos vas mandar calar tí tamboril?
-Eu non caldeireta, pero recoñece que rifabades sen xeito.
-Contanos ló se acaso eses irmáns casteláns dos que falas sí rifaban con xeito.
-Eses irmáns dos que falaba comezaron a rifar cando morreu o seu pai. O vello deixara as partillas sen facer, e claro, a avaricia escacha o saco.
-Jajajajajaja-a gargallada do da roupa sorprendeuno-Ti tamén con refráns tamborileiro. Jajaja.
-De certo. O que lles ocorreu ós casteláns foi que os dous querían toda a herdanza pra sí. Estaban os dous solteiros e ningún se conformaba con quedar coas leiras, ou coa mellora. E quen moito abarca pouco apreta. Pouco e pouco tódo-los veciños foron tomando parte na liorta. Un día o maior mandaba ó veciño de baixo a falar co irmán pequeno, outro día o pequeno dicíalle á súa madriña que falase co seu irmán maior e o fixese entrar en razón. Así estiveron meses, ningún tío ou tía e ningún veciño era quen de atopar unha solución.
Un domingo ó mediodía atopáronse na taberna ó saires da misa. E cando xa levaban dúas chiquitas escomenzaron a rifar de novo. Ninguén ousaba dicir nada, entre pais e irmáns que ninguén meta as mans, reza o refrán.
Dun curruncho da taberna saiu unha gargallada, viráronse todos cara a lareira e viron que aló estaba Antón, un corentón panxoco, solteiro e bebedor ríndose a escachar daquela liorta.
-Seica che parece gracioso o que nós discutimos. Igual se che tronzo os peteiros che fai menos gracia.
-E que a solución é ben fácil.
-Iso é o que tí cres. Como non falas do teu ... Vai durmi-la e non molestes máis.
-Mira que sodes burros, a pegar coma dous quiricos.
-Pois igual os quiricos che dan unha tunda e xa non rís tanto.
-Se queredes douvo-la solución.
-A ver, espilido, que és ti moi espilido. ¿Cal é esa solución?
-Fai ti dúas partillas, e dalle a escoller unha ó teu irmán. Pola conta que che ten faralas iguais porque se fas unha maior cá outra sabes que vas quedar sen ela.
Os irmáns escoitaron o que o panxoco lles dicía e non tiveron máis ca darlle a razón e remataron así cunha rifa que os ía levar a non falarse entre eles.

Nenhum comentário: