quinta-feira, 26 de junho de 2008

O mosteiro da Manguela

Contan que cando os mouros chegaron ó castro de Arcos agocharon nunha cova debaixo del o ouro e as xoias que traían. Na aba do monte, nas brañas da Manguela, fixeron un mosteiro pra vixia-lo tesouro cunha capela na que os mesmos mouros daban misa. Pasados os anos os mouros desapareceron e os veciños foron á procura do tesouro, pero como non atoparon a porta da cova desfixeron o mosteiro e so deixaron a torre da campá. O feito é que non atoparon a porta da cova por estar soterrada debaixo da torre; se na véspera do san Xoán estades pola Manguela e oides unha campá que soa buscade por ela porque debaixo está a porta da cova do tesouro.
Ainda hoxe a igrexa que se fixo coa pedra do mosteiro conserva fóra o altar da capela dos mouros e se non me credes ide á igrexa de Arcos e védeo.

terça-feira, 24 de junho de 2008

Do que aconteceu na noite do san xoan

Nesta nosa terra as lendas son algo que nos identifica falan de mouros,de trabes de ouro, de donas encantadas e ata de sereas. Esta que aquí vos deixo fala da fogueira do San Xoan e é unha das que máis me gusta a lenda de
Dona Mariña

Nos tempos do feudalismo, alá polo século XIII ou XIV, vivia nun castelo en galicia un conde chamado don Froilán. Anque xa non era un rapaz novo seguía solteiro. Era moi afeccionado á caza e a sair dacabalo a percorre-las súas terras, acompañado ás veces por algún dos seus amigos veciños ou por algún escudeiro. Camiñaba unha mañá por uns cantís dun monte á beira do mar cando veu na praia o corpo dunha muller que parecía durmida; estaba espida pero as pernas non se lle vían porque estaba detrás dunhas rochas. Cheo de curiosidade foi achegándose paseniño, pero cando o cabalo pisou as areas espertou a muller que resultou ser unha serea, ela quixo voltar ó mar pero xa os escudeiros de don Froilán a tiñan rodeada impedíndolle fuxir. Un dos escudeiros puxo a serea nun cabalo e levarona ó castelo de don Froilán que, prendado pola fermosura da muller, namorouse e quixo casar con ela. Una vez no castelo vestida e atendida por varias doncelas quixo bautizala; e como saira do mar considerou que o nome que mellor lle acaía era o de Mariña. Pero dona Mariña era muda, non sabía falar e a pesar dos intentos de don Froilán pra ensinarlle as frases máis simples, non saia nin unha verba da boca dela e isto tiña o conde entristecido. Ó cabo do temo naceu o seu primoxenito e don Froilán veu como a nai bicaba ó meniño con amor e como o aloumiñaba, pero non lle dicía ningunha das verbas cariñosas coas que as nais lle falan ós fillos; somentes cos seus xestos se podía expresar e algunhas veces remataba chorando por non poder dicir o que sentía por el. Chegou a véspera do San Xoan e con ela a festa e a fogueira no castelo. A don Froilán gustáballe que os seus campesiños e servos se divertisen e por iso se achegou á fogueira, e con el dona Mariña co meniño no colo. Ela nunca tal vira, máis como era unha criatura da auga fuxía das muxicas. Nun intre don Froilán colleulle o meniño dos brazos e foise cara á fogueira facendo que o guindaba ás lapas. Tal foi o medo que colleu dona Mariña que da súa gorxa saiu un berro "Meu fillo",dende aquela comezou a falar. E en recordo de todo isto chamáronlle o meniño "Xoan".

quarta-feira, 18 de junho de 2008

Castelao


Eu quero contarvos un sucedido que amostra os degoiros de comida que sempre sentían os rapaces de Farruco. Estaba o probe pai ensumido en cavilacións, pois acababa de recebir un novo meniño, moi repoludo e bonito, certamente, pero que non traía consigo a comida do mañán, e achegouse a el Pedro, o fillo máis vello, que o despertou das súas cavilacións.
—¿De onde veu o meniño, papai?
E Farruco respondeulle, por decir algo:
—Mandouno a tía Ádega no caixón das lambetadas.
E Pedro, dispois dun anaco de meditación, volveu a perguntar, cos seus ollos de acibeche, brilantes de ledicia:
—¿E cando o comemos?
Un anaquiño de "Os dous de sempre" de Castelao.
Que sempre me trae un sorriso ós beizos, os cativos son así.

terça-feira, 17 de junho de 2008

O pote do caldo

Eran as nove da noite, fóra o vento zoaba coma se o mundo fose rematar. Onda o lar a vella arrolaba o meniño no berce namentres eu a fitaba quedo. Os tronos metéranlle medo a aquel cativiño que non chegaba ó ano de vida. Eu xa tiña oito anos e naquel tempo tiña visto como a avoiña ía quedando soa. Só tivera un fillo e había xa máis dun ano que marchara pra arxentina porque era o único xeito de sair da miseria. A súa nora era unha rapaza loiriña e menuda e o home deixouna en estado de "boa esperanza" cando emigrou, pero cando o meniño veu a este mundo, foise a nai. Tódo-los esforzos da vella eran pro meniño, levábao con ela nun cesto de bimbio cando ía ó xornal e á noite cando chegaba á casa, viña co cuartillo do leite pro cativo e cansa sentaba ó meu carón no lar. Os seus ósos xa non daban pra máis. Esa noite de trebón o meniño non acougou ata que a avoa o colleu no colo. Naquel intre reparou en min e díxome: -Logo só lle has quedar tí, tes que coidalo. Quixen respostarlle pero non fun quen, como lle ía falar se eu so era ... ... ... ...

Cando unha porta se pecha ... ... ...


... ... ... outra se abre, porque a vida apreta pero non afoga.

sexta-feira, 13 de junho de 2008

En galego-portugues


Tu gitana que adevinhas
me lo digas pues no lo se
si saldré desta aventura
o si nela moriré.
O si nela perco la vida
o si nela triunfare,
Tu gitana que adevinhas
me lo digas pues no lo se.


(Tradicional)

Letra: J. Alfonso. Arreglos: Luar Na Lubre

quinta-feira, 12 de junho de 2008

Era pequerrecho


... tiña pouco máis dun aniño cando a Kiska pareu aquel canciño. E tanto e tanto lle gustou que o levaba a todos lados con el, pero no canto de levalo no colo, levábao collido polo rabo. Sua nai non quería que o levase pra dentro da casa e berraba con el -Bota o can fóra, e o pequecho cos seus andares escarranchados polos cueiros achegábase á porta da eira ou á do curral e sen dor do cadeliño abria a man e ... pum o chouchelo ó chan. Pero daba igual, o cativo pouco tempo pasaba dentro da casa sen o seu compañeiro e voltaba sair á eira, ó pé da oliveira que era onde nacera o can e volvíao a coller. Se o can tivese nacido un pouco antes libraríase seguro dos croques pois xa tería espabilado pra agocharse do rapaz. Dunha volta o cadelo quixo fuxir do neno e o pequeno colleuno por unha pata no canto de collelo polo rabo, o animaliño rebuliu e queixouse, o cativo soltoulle a pata, pero cando chegou ó chan xa o tiña collido polo rabo. Dende que o meniño aprendeu a andar ata que aprendeu a erguerse cando caia pasaron semanas, mentres tanto quedaba estomballado no medio da eira coma un sapo, sen dicir nada, ata que o avó ou a súa irmá o ían erguer. Era tolo pola nena, e cando se mancaba non lle valían os mimiños de ninguén, tiñan que se-los da súa maía. Aquela nena contoume que tiña sete anos menos dous días cando nacera o meniño e non lle-lo deixaban coller porque podía mancalo, pero cando o meniño tiña xa case o ano, a nai mandouna sentar e púxollo no colo pra que non lle caese mentras ela ía o baño; e resultou que o pequerrecho tamén tiña gana de mexar e fixoo no colo da irmá, moito riron con aquelo. Outro que tamén era tolo polo cativo era o avó, a el deixábanllo cando a nai ía pra leira e claro pra que o pequeno non chorase o avó entulláballe chiculate, pan e galletas, e o rapaz estaba que parecía un bocoi. Dunha das veces que o seu tío veu de suiza el estaba sentadiño na súa silla e o tío levouno pro curral e deixouno só diante da porta da casa, quería que o meniño chorase pra lle quitar unha foto, pero o raparigo estaba acostumado a estar sentadiño alí e era tan boiño que estaba calado coma un peto e pra máis cando o tío chegaba onda el o rapaz ría que escachaba.


Hoxe ese pequerrecho ten vinte anos, e anque teña máis, vai seguir sendo "o meu pequeno, o meniño dos meus ollos".

Alalá das Mariñas

ALALÁ DAS MARIÑAS
Teño unha casiña branca na Mariña entre os loureiros,
teño paz e teño amor e estou vivindo no ceo.
Ailalala, ailalala..
E adiós á miña casiña, portelo do meu quinteiro,
auga da miña fontiña, sombra do meu laranxeiro
Ailalala, ailalala...

Pra ti Nené, porque é como me sinto agora.

Xa chegou o sol

Estes días de sol non apetece facer nada, a non ser que sexa sair pola fresca pasear un anaquiño ou pra irse bañar ó río. Cando eramos cativos e chegaban estas datas o único que che apetecía era chegar á casa pra deitarte na eira á sombra da viña logo de comer e xogar por alí, a iso da media tarde entrábache a fame e ías onda túa nai, -Mamá, podemos come-lo bocadillo, e mamá dicíanos -Non sei que hora é, vai mira-lo reloxo da cociña e dime. Saias a correr e voltabas ampeando pola carreira -A agulla... grande está... no sete... e a pequena... entre o cinco... e o seis, -Tes que agardar a que a agulla grande chegue ó doce; e seguías a enredar pola eira mirando de cote o reloxo pola ventá da cociña.
Segundo fomos medrando xa nos daban permiso pra ir xogar á Senra ou ir á casa dalgún amigo e foi cando comezamos a irnos bañar ó río da Barxe, anque non é moi grande era máis co noso pozo dos patos da horta, iso sí, a auga estaba ben máis fría, porque non estaba parada ó sol todo o día.

Desas tardes é de onde ven a afección por estar ó fresco na beira da auga, e agora que xa somos maiores gustamos de sitios coma o Xirimbao, Barosa e o Penedo.
Eu penso que esta afección é parte do noso xeito de vida, algo que nos define como bos galegos, ¿quen non botou nunca unha tarde nunha romería debaixo dos carballos, á beira dun río, comendo empanada e pulpo?
Pois agora que ven o vran, vivamos como galegos. jajaja.

terça-feira, 10 de junho de 2008

Porque a min non mo deron feito...


... non tiven a túa sorte, máis tampouco me queixo da miña. Ás veces todo o que nos ocorre na vida non son máis ca algunhas probas que fan o camiño difícil, costa arriba. Eu non son quen pra queixarme. Certo que non teño unha carreira porque meus pais non ma puideron dar, certo tamén que sempre tiven que traballar a reo polo que quería. Nin cando era cativa fun caprichosa, pode que me gustase algún enrredo que saia na televisión ou algunha boneca, pero sabía que non podía ser e non me anoxaba por iso. Eu era feliz cando o domingo pola mañá miña nai nos deixaba ve-los debuxos antes de ir á misa, e logo pola tarde iamos a ve-las avoas; nunca precisei que "papa noel" me trouxese unha comba ou que a bicicleta fose de cor rosa, nunca o "rato pérez" me deixou cartos debaixo da almofada, e se o día de reis ó erguerme non tiña un agasallo enrriba dos zapatos non ocorría nada, porque sabía que miña nai me mercara unhas zapatillas pra andar pola casa, unha cinta pro pelo ou uns calcetíns, que sí me facían falla. Ti medraches igual ca min, sabendo que os cartos non os dan, así que, se agora te-la sorte que tes, non a desbotes e non vaias pola vida tentando asoballar a ninguén, que tí soa non es nada. Se eu fallei ¿quen che dixo a tí que che vai sair ben? Os consellos danse porque non custan, asi que CALA.


Aquel que me quere, lévame agora da man e non me vai deixar caer ¿podes tí dici-lo mesmo?

quinta-feira, 5 de junho de 2008

Pra lingua de amor 2oo8


Agora xa é tarde

E as pingas borraron as túas pegadas,
caen sen reparo sobor deste camiño
que une o teu xardín co meu.
E as bágoas, coma esas pingas
tra-los vidros da ventá, borran os teus bicos
e caen sen reparo sobor do amor
que unía o meu corazón co teu.


Pero anque a inspiración chegase tarde, aquí sempre chego a tempo de escribir aquelo que creo que chega ó nivel esixido.


Esta visto que se me obrigan a escribir nunca vou dar pé con bola.
Teño que escribir cando o meu maxín está listo e cando aquelo que ando moendo pasa de picón e chega a fariña, pra así poder amasa-lo e logo cocelo, no forno de pedra, con raxas de toxo e bosta fechando a porta.

Unha rosiña branca ...

... iso era o que ela tiña ó seu carón na almofada.A pouca luz do sol que se filtraba polas rendixas das contras anunciaba un bonito día de sol.
Aquela mañá de abril ela ó erguerse colleu a rosa e, descalza, achegouse a abrir a ventá; a luz do sol inundou o cuarto e ela reparou en que todo estaba cheo de flores brancas. No intre en que ela se deu a volta pra vestirse apareceu el.
Na porta do cuarto estaba el, vestido con pantalón e camisa de liño beis, moreniño, sempre impecable ... Achegouse a ela, deulle unha aperta e logo bicouna nos beizos, lene e docemente, coma sempre, coma cada día dende facía anos.
Ela moreniña, levaba posto un camisón de raso branco, e os tirabuzóns do seu cabelo caíanlle polos ombreiros rodeándolle a face. El colleulle a cara coas dúas mans e pousou os seus beizos nos dela, ata o sol envexaba a calor daquel bico:
-Bos días- dixo el.
-Bos días- contestou ela- gracias polas rosas.
-Flores pra outra flor -e volveu bicala.
Ese intre ... ese prezado intre era o que ela sempre quixo, o que anceiou sempre ...
Paseniño a porta foise abrindo e uns pes pequerrechos entraron no cuarto e botaron a correr cara ela ... aqueles peciños viñan cun sorriso porque o meniño sabía que súa nai o habia coller no colo, lle ía dar un biquiño e logo o ían acochar entre ela e seu pai e alí o meniño sentíase protexido e ben ... pra unha foto, estaban os tres pra facerlles unha foto.

O avó ...

... -eu quero chiculate- dicía aquel cativo que, con só cinco aniños non era quen de entender a negativa dos seus pais. -¿Por qué ó avó si lle-lo dades e a min non? voume anoxar convosco.
Namentras o meniño patexaba cos zoquiños e guindaba co puchiño ó chan, súa nai tentaba calmalo aloumiñándoo, pra que o vello non o oise.
Aquel velliño de cento un anos xacía na cama dende había tres días... dende que unha mañá de sabado cando se quixo erguer da cama non foi quen. Tivera xa unha vida moi longa. Con dezaséis anos obrigárono a ir á guerra e lembraba que dunha volta estivera tres días agochado no monte pra que non o matasen, cando chegou ó campamento mandárono de volta pra casa máis morto ca vivo. Dende que sandou e ata os oitenta e un anos traballou a reo como arxina na montaña e logo ata o fatal sabado vivía sentadinho nun tallo, ó calor da lareira no inverno e ó calor do sol no medio da eira, sentado no mesmo tallo picando garabullos, no verán. Cando ese rabudo bisneto veu ó mundo cambiou a face do vello, agora xa tiña un compañeiro e un entretemento; coidar daquel anxiño. Dende que o cativo nacera o avó levábao sempre con el e o pequeno entretíñase roendo mouga de broa e máis chiculate; pero daquel sabado en diante o avó xa non se erguera máis, non lle deixaban ir onda el e tampouco lle daban chiculate.
-¿Por qué non me deixades ir onda o avó a que me dea chiculate?
Naquel intre unha voz saiu do cuarto: -Deixade vi-lo meniño. O cativo achegouse ó leito, e o avó deulle na man a derradeira onza de chiculate, antes de que unha bágoa ficase pra sempre nos seus olliños grises.
-Grazas avó, quérote moito. Pero o avó xa non puido oilo ...
Eu tamén te quero moito, anque nunca cho dixese.

Esta é a caixa que el trouxo da mili no ano 1936.

As miñas avoas



Gustáballe o mar, nacera en noia e desfrutaba sentada nunha rocha vendo como as ondas batían nos cantís. Dende moi cativa collíame da man e ia con ela sempre, a busca-los ovos ó galiñeiro, ó muiño, á praza polo peixe e máis por melindres ...
Lémbroa ensinándome a xogar á escoba e deixándome gañar, enredando comigo coas cazoliñas de xoguete e berrándome pra que saise do medio das mimosas ... as mimosas ... esas flores amarelas do entroido que enchían a casa da avoa co seu recendo, e xa van alá máis de trece anos. (abril 1994)
Cosía e bordaba, e facía os enxovais de tóda-las mozas casadeiras da parroquia, daquela parroquia que se xuntaba cada oito días, na casa do Pazo, pra coce-lo pan de millo no forno de pedra. Un día caeu no adro da igrexa, hai xa vintecatro anos, e non puido erguer máis ... (setembro 1983)
A miña avoiña sempre co pano cubrindolle o cabelo gris, pequerrechiña e vestida de negro e sempre con galletas no peto do mandil pra min ... dende hai case dez anos non voltei rillar galletas que tan ben me soubesen. (xaneiro 1998)
2oo7

¡¡¡Ei Boas!!!


Un galego non di "hola"; di "ei" ou "boaaaaas".
Un galego non se namora; está enconado perdido.
Un galego non se lanza; tírase.
Un galego non é que non entenda; e que está empanado.
Un galego non te bica; cómeche a boca.
Un galego non bebe moito; colle unha lascardia.
Un galego non te acaricia; sóbate.
Un galego non te molesta; é cansino e portulento.
Un galego non te golpea; méteche unha tunda mortal.
Un galego non ten queridas; ten unha freba con moitos cornos.

¡¡¡Arriba os galegos!!!


Pois iso Eiiiiiiii Boaaaaaaaaaaaaaassssssss