quinta-feira, 24 de julho de 2008

Non hai ...

Xa virá ... ... ... os cabazos recollense no outono.

Rosalía

Quíxenche tanto, meniña,
tívenche tan grande amor,
que para min eras lúa,
branca aurora e craro sol;
augua limpa en fresca fonte,
rosa do xardín de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón.
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol,
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempois que si me dixeches,
en proba de teu amor
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me fireu de dolor!
Mais a pasar polo río,
¡o caravel afondou!...
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.
Publicado en Cantares Gallegos o 17 de maio de 1863.

quinta-feira, 17 de julho de 2008

Se fose quen ...

... escribiríalle unha carta ós meus avós.
Diríalles que os boto de menos
e que sinto non ter desfrutado deles.
Pero non son quen ...
A miña sorte e que teño fotos deles
e podo lembralos cando queira,
cun sorriso nos beizos e desfrutando de nós.
Así os quero lembrar e así quero que os lembren os meus.

terça-feira, 15 de julho de 2008

Camiño Sur II

Con outro aceno do marqués, Ilda e Rosa, unha das mozas da cociña, recolleron os pratos e a cazola e nunha bandexa de prata achegou Ilda as uvas á mesa pra que os señores tomasen o postre.
O certo é que Ilda estaba sempre moi pendente do marqués. Ela entrara a traballar no pazo con trinta anos, daquela o marqués tiña corenta e catro e xa era viuvo, a súa dona falecera de tuberculose en Santiago por causa dunha gripe mal curada nun inverno de moitas chuvias. Naquel entón dona Carme de Moure tiña vinte anos e estaba a piques de casar con don Gil de Losada e Quiroga. Dona Carme estaba a prepara-lo seu enxoval e buscando unha costureira soubo que a mellor da redonda era Ilda a de San Xurxo. O marqués mandou recado a Ilda de que dona Carme de Moure requería os seus servizos pra que lle axudase a confecciona-la roupa. Todo Chantada sabía que dona Carme casaba e moitas mozas a envexaban pois o de Losada e Quiroga era o mellor mozo do pobo e con diferencia, pois amáis de vir de boa familia, era galante e ben parecido.
Ilda aceptou o traballo anque iso supuxo ter que ir pasar unha tempada ó pazo. Chegou aló co maio e o casamento era o día do carme polo que tiña por diante dous meses e medio pra facer a mantelaría, ganchillar a colcha e os encaixes de sabas e toallas pra dote da noiva. Ilda e dona Carme pasaban as horas sentadas na galería ata que alá polo san xoán, cando estaban cos encaixes dos panos de mesa, se decidiron a sentar debaixo dos arcos do xardin.
O marqués visitabaas de cando en vez posto que pasaba a maior parte do día fóra da casa, percorrendo os terreos do pazo ou falando cos arrendeiros. Cando el se achegaba Ilda mudaba de cor e afanábase máis na labor con tal de que el non se dese conta de que a súa presenza a intimidaba.
Polo san pedro estaba xa o enxoval rematado pero como dona carme estaba moi nerviosa pola proximidade da data o marqués chamou a Ilda á biblioteca: -Pum, pum; Ilda deu cos cotelos na porta. -Adiante, pasa pasa. -Boas tardes señor marqués, vostede dirá - Ilda xa sei que so fuches contratada para face-lo enxoval, comentou o marqués, pero Carme está moi nerviosa pola proximidade do casorio e gustaríame que lle fixeses compaña ata entón, aquí todos che temos moito aprezo e Carme precisa alguén que estea pendente dela ¿aceptarías?
A Ilda so lle fixo falla un intre pra pensalo, posto que non contaba rematar tan cedo co encargo non tiña máis traballos pendentes, así que aceptou.
Pasaron os días, pasou a voda e Ilda voltou a San Xurxo de Asma. Pasou todo o verán e dona Carme ía de cando en vez a ver a Ilda pra encargarlle algunha peza de roupa ou so pra vela. Unha tarde de vendima apareceu en Asma o coche de dona Carme e cando Ilda se achegou baixou del o señor marqués. Ilda quedou tesa e, sen saber ben como reaccionar, saudou: -Señor marqués, non o agardaba, se lle apetece un acio de uvas, estamos a vendimar. - Non Ilda, máis gracias. O que veño é a pedirche unha cousa. Ela mudou de cor, dende que estivera en Aelfe non deixara de matinar nel e a súa nai dicíalle que o quitase da cabeza, que non era pra ela; -Inda te has namorar e o marqués non vai mirar nin pra ti, pero Ilda xa estaba namorada.
-Digame vostede. - Sen andar con arrodeos: Carme agarda un fillo e eu quería que viñeses pro pazo e que lle axudases coa roupiña, que lle fixeses compaña; posto que xa sabes que aprecio moito os coidados que lle deches da outra vez. -Non sei señor, consultareille-lo ós meus pais e dareille a resposta canto antes. -Dacordo Ilda, agardo a túa resposta.
Pasados uns días Ilda aceptou a proposta e foi vivir pra Aelfe. Logo de nacer Mariana, dona Carme faleceu e o marqués encargoulle o coidado da meniña a ela. Dende entón Ilda adicouse a eles coma se fosen o seu home e a súa filla, sempre pendente e sen dicirlle nunca a ninguén que namorara do marqués.
PAXINA -II-

quinta-feira, 10 de julho de 2008

Batracio

¿Isto que será?, ¿unha rá calquera nunha fonte calquera dunha aldea calquera? ¿ou quizais sexa un principiño azul? Non creo, porque unha cousa sí teño clara: azuis os pitufos e como non existen ... non creo que sexa principiño ningún. Máis ca nada porque tampouco vin a gargamel de faroleiro nin nada polo estilo. O caso é que eu xa teño o meu músico do grelo e non me fai falla buscar principiños nin en rás, nin en sapos nin en outro batracio calquera ... que pra bicar un anaco de pel "enjruñada" e áspera mesmo lle pego unha lambetada a calquera farrapo de gaita; é un dicir. Non é que lle teña tirria ós sapos e ás rás, pero unha cousa sí que hai que recoñecer: noxo dan un pouquiño. Lembro que de pequenos nos asustabamos dos sapos que aparecían no invernadoiro da horta ou á fin das bardas da leña dentro do cuberto; daquela aló ían meus tíos, puñan o sapo enriba dun tablón apoiado nun rolo de "alcolito" (vocablo do lugar) e lle metían un "petillo" na boca e ala a fumar, e cando o sapo estaba hinchado dabanlle un golpe na outra punta do tablón e o sapo; que ata aquel entón sempre vivira na terra, comezaba a súa aventura como piloto. Trapalladas que nos facían rir un anaco. De certo son uns animáis ben desagradables, gordos coma cepos, graxentos, cheos de espullas e cunha cor de pel que parece que non se lavaron na vida (e iso que son anfibios e poden vivir na auga). Qué casualidade; describindoos así parécense a algunhas sogras e non me digades que non. Unha desas ás que os enchufes dos mosquitos lles "vriban" ó lado da orella e claro como lles "fan medo" e non as deixan durmir do leñazo que lle meten ó "chintófano" guindan con el na "alzombra", destas ás que tal como berran, non lles fai falla o "taléfano" pra chamar á boca ladra da cuñada e dicir aquelo de: ¿con quen falo? ou ¿quen é?, coño se es tí a que chama saberás a quen ¿non?; e total pra que lle dean o "númaro" do do "trator" e lle traian unha pouca leña de "alcolitro", "alcualito", "eucualitro", etc, e digo eu ¿¿¿porqué non usan directamente a palabra carballo que iso sí o saben dicir??? claro esa leña vale máis "ouros". Sempre gustan de ter polos na casa e anque lles espeten por cada polo o que vale unha poñedora pagan igual, ¿total pra qué? se en canto o gato "sianés" lle entre no galiñeiro llos vai matar todos. O certo é que estas vellas son igual de noxentas có farrapo de gaita do sapo, ou da rá ou do que sexa o que está na foto.

Proximante máis sobre a flora e fauna dalgúns lugares deste noso pais, aínda con todo " O MELLOR PAIS DO MUNDO"

segunda-feira, 7 de julho de 2008

Carolos

O pan do forno de leña, as mellores brasas as das raxas (os toxos cachudos, jeje) feito de fariña milla, de trigo moreno ou de centeo; ás veces de mistura, outras con uvas pasas ou con noces, pero iso sí, a broa sempre, sempre con leite quente e con azucre, que ben sabían os carolos de pan de millo... igual cás papas do pote. Son lembranzas dunha cativa da aldea.

sexta-feira, 4 de julho de 2008

Fado

Dulce Pontes, Lágrima
Cheia de penas
Cheia de penas me deito
E com mais penas
Com mais penas me levanto
No meu peito
Já me ficou no meu peito
Este jeito
O jeito de querer tanto
Desespero
Tenho por meu desespero
Dentro de mim
Dentro de mim o castigo
Eu não te quero
Eu digo que não te quero
E de noite
De noite sonho contigo
Se considero
Que um dia hei-de morrer
No desespero
Que tenho de te não ver
Estendo o meu xaile
Estendo o meu xaile no chão
Estendo o meu xaile
E deixo-me adormecer
Se eu soubesse
Se eu soubesse que morrendo
Tu me havias
Tu me havias de chorar
Por uma lágrima
Por uma lágrima tua
Que alegria
Me deixaria matar
Pro Nené, porque a mereces, quérote.

quarta-feira, 2 de julho de 2008

Camiño Sur

A dona do pazo sorría, era unha moza comprida máis preto dos trinta ca dos vinte, sentada á sombra do pinal do fondo do xardín, lendo un anaco dos Cantares Gallegos de Rosalía recén pubricados. Remataba xa o verán do 1863 e coa festa das Dores o dezanove de setembro tiña que face-la equipaxe pra voltar a Santiago. Aínda non eran as doce da mañá cando oíu rebulir de cabalos. Movida pola curiosidade, pois non agardaban visita algunha; anque iso sí, moi de vagar, ergueuse, recompuxo o vestido azul que levaba, colleu o libro e botou a camiñar cara ó pazo, coma se fose de paseo, polos carreiros do xardín. O xardín tiña unha poza rodeada dun labirinto de buxos e nela nadaba unha parella de parrulos, no medio dos debuxos do labirinto espadanas, semprevivas e margaridas enchían o ar co seu recendo.
Chegando á galería oiu a voz do seu avó que saudaba con grande estrondo. O que chegara dacabalo era o conde de Lemos. No mesmo intre o avó chamou por ela .-Mariana, ven acó. Ela acudiu á chamada e apareceu por debaixo dos arcos da galería. .-Sauda ó señor conde de Lemos filliña; que está de camiño de Monforte a Santiago e se achegou a saudarnos. Nese instante o conde sorriu .-Don Carlos Fiz, conde de Lemos, pra servila dona Mariana; e axeonllándose bicoulle a man. .-Mariana, díxolle o avó, o conde vai quedar a xantar connosco, dispón o preciso. Mariana asentiu e logo dun sorriso retirouse .-O que mande avó, co seu permiso señor conde.
As mozas da cociña estaban revolucionadas, o conde tiña xa case trinta anos máis aínda non casara. Marmurabase no lugar que o Marqués de Moure e Valadares quería casa-la súa neta Mariana co conde de Lemos e que por iso o mandara vir dous días antes de que Mariana tivese que emprender a viaxe a Santiago.
Cando dona Mariana entrou na cociña atopouse cun enorme rebumbio. Era a véspera das Dores e o marqués gustaba de que as festas na súa casa fosen as mellores de Chantada. Unha ducia de persoas bulía naquel lugar e por calquera recuncho se podían ver os preparativos: coellos limpos, polos esplumados postos pra asar, unha cociñeira aquelaba un bacoriño pró forno, dúas mozas planaban patacas, un cativo chegaba cun cestiño de ovos do galiñeiro, o saladeiro estaba ateigado de xamón, touciño e cacheira, na artesa dúas mulleres amasaban pan trigo e broa e na pía do vertedoiro unha cesta de uvas agardaba a que as lavasen.
Dona Mariana achegouse a Ilda, a caseira, e avisouna de que o conde ía xantar con eles, pra que puxesen outro prato na mesa do xardín.
Debaixo dunha viña na beira dos arcos da galería, había unha mesa na que o Marqués e Mariana xantaban tódo-los días que a choiva o permitía. En canto rematou de cociñar alí levou Ilda un prato e unha cadeira.
Ilda era unha muller gordecha de cincuenta e tantos anos, veciña do lugar de San Xurxo de Asma e levaba dende moza a servir no pazo. Vira nacer a dona Mariana así como tamén vira que a nai, dona Carme de Moure, morrera cando a meniña tiña meses por causa do andazo e porque o médico que mandara vir o marqués dende Santiago non chegou a tempo. Daquela o pai da rapaza, Don Gil de Losada e Quiroga partiu ás guerras carlistas onde faleceu meses despois. Dende aquela Ilda fora a encargada de dona Mariana. O marqués mandouna criar como a súa nai criara ás súas irmás; pra que soubese levar unha casa, fose culta, relixiosa e se entretivese facendo labores. Entre tantos aloumiños medrou Mariana, pasando os invernos na rúa Fonseca en Santiago e os veráns no pazo de Aelfe. Mentras tanto, os anos pasaban pra Ilda que nunca casara pero que vía a dona Mariana coma unha filla.
Rematara xa Ilda de poñer a mesa cando se achegaron o marqués e o conde que viñan de pasear polo xardín do pazo. Mariana baixaba do seu cuarto de gardar o libro e achegouse ó marqués .-Avó, cando queira podemos sentar a xantar. -Agora mesmo Mariana. Don Fiz, fágame o favor de sentar á miña esquerda posto que Marianiña sempre senta a comer á miña dereita dende ben cativa. -Como desexe señor marqués, respostou o conde. Antes de sentar don Fiz retirou a cadeira de dona Mariana pra que esta sentase e ela sorriulle con agrado.
Logo dun aceno do marqués, Ilda trouxo as perdices á cazola que compoñían o xantar típico do sábado en Aelfe. Durante a comida don Fiz eloxiou o bo facer de Ilda coas perdices e o marqués de Moure sorriu compracido engadindo ós eloxios que Ilda foi quen criou a Mariana e á vista está o seu bó facer, pois a moza amáis de culta e relixiosa era dona da súa casa e sabía atender a facenda sen descoidar as súas labores. As cores rubiron ás fazulas de dona Mariana.
.-Por certo Mariana, o conde vai camiño de Santiago e posto que hoxe nos honra coa súa presenza convideino a que quede á festa de mañá. Conteille que este ano teño que quedar máis tempo aquí por asuntos de terreos e o conde ofreceuse a acompañarte polo camiño sur a Compostela pra que non teñas que agardar por min, que igual tardo unhas semanas.
Moi afagada polo ofrecemento Mariana sorriu e aceptou .-Moitas gracias señor conde .-Chámeme Fiz dona Mariana .-Moitas gracias don Fiz.
PÁXINA -I-