quinta-feira, 28 de agosto de 2008

Logo de catro días

Pasaron catro días ate que volvín abri-la boca, foi alá polo mes de xullo. Cando sentín os foguetes da festa estarrecinme e a caldeireta preguntoume: -Seica lle tes medo á festa, ti que dis que fuches a tantas romarías, non dou creto. -Certo é que son un tamboril que foi moito de festa pero como tamén estiven na guerra aprendín a estar calado e quedo. Aló polo ano 36 o meu dono levoume a face-lo servicio militar. Aínda el estaba facendo o servicio cando estalou a guerra e puxéronlle ó seu cargo un dos cativos que foran reclutando polas aldeas. O rapaz tiña dezaseis anos e como o veu tan cativo, púxolle o tamboril na man e ensinoulle a tocalo. Nunha noite de trebón tocoulles ir polo medio do monte, pero os do outro bando tendéronlles unha trampa e tiveron que separarse. O cativo quedou só comigo, botou a correr ata que atopou unha congostra fonda e se puido agochar, tremendo de medo atinou a matinar que se o vían na congostra podían matalo, mirou darredor e aniñouse tras do arró dunha toxeira. O cativo rezaba pra que non o descubrisen e termaba de min contra o peito, coma se eu o puidese librar da ferida dun disparo. Ó pouco sentiu como un tiro lle fungaba porriba da cabeza, tirouse ó chan confiado en que o lusco-fusco lle axudase. A min agochoume no arró e tapoume con fentos e el coma se unha serpe fose foi polo chan ata o medio duns toxos. Sentía cada vez máis preto o rebumbio dos tiros, un pasoulle preto, atravesou un toxo cachudo e tirouno ó chan caéndolle enriba. Non podía moverse, se o collían levaríano pra cárcere ata que lle chegase a hora de pasealo; pola congostra baixaban os inimigos e levaban ó meu dono preso. Ó pouco tempo xa non se oía nada, nin tiros, nin o falar de ninguén, nin sequera os saloucos dalgún ferido; máis o rapaz non puido co cansazo e venceuno un sono livián e con calquera son do monte espertaba medoñento, agardando que non o achasen pra poder sobrevivir. Alí ficou tres días ata que tivo o valor de sair do agocho. A choiva, o frío, o cansazo e a fame fixeron que parecese un defunto e aínda así tivo forzas pra chegar ata a aldea na que os seus agarbadan a que eles voltasen dicindolles que tiñan o camiño libre pra seguir adiante. O cativo bateu na porta da primeira casa, ó velo co tamboril na man, recoñecérono e xa tiveron que termar del pois as forzas abandoárono e caeu ó chan. Enfermara por mor da molladura, tosía e case non respiraba, días despois metérono nun tren que viaxaba de noite e mandárono de volta pra casa, e con el vin eu. Agora xa sabedes porqué me estremezo cos foguetes e porqué estou tan calado.

sexta-feira, 22 de agosto de 2008

Dieste

O vello que quería ve-lo tren

Eran de alá da montaña. Dunha desas aldeas de nome bravo e silvestre que repousan perdidas entre calados cumios. ¡Longa viaxe fixeran —no rexo carro de bois, que rinchaba, xemía e daba tombos polos agres camiños montesíos— para lle dar cumprimento ó antollo do vello!
Moito tempo tivera en segredo aquel desexo. Un día coa mimosa curtidade dun neno que pide unha lambetada posta, como nun altar, nos máis altos andeis do armario, o avó tatexou o seu capricho. El nunca vira o tren. El non quería morrer sen velo tren. A filla e o xenro riron boamente daquela tolería. O pobre vello, non tiña volta, estaba xa un pouquiño lelo. ¡Pasaba a vía tan lonxe!E ademais ¿que demos lle importaba ós seus anos ve-lo tren? En troques o neto púxose da parte do avó. E petou testudo cos zoquiños no chan. ¡Eu quero ve-lo tren! Catro reflexións ó vello e catro azoutas ó pícaro e todo quedou en nada pola primeira vez. Pero repetiuse a escena, soubo o cura do conto e, con aquela sorrinte calma do abade experimentado que comprende e transixe, volveu polo avó e o neto. ¡Que diaño! O vello estaba rufo, curado polo sol e o arume dos piñeiros, e non había de rendelo moito a viaxe.
Así foi que puxeron no carro un feixe de palla para asento do vello, e meteron nun tarabelo unha forte merenda. E moi de matinada puxéronse en camiño, ata chegaren ó ignorado e esquecido apeadeiro, onde agardan inquedos o milagre.
Como un estraño rebuldar de gatos —así lle pareceu ó neno— correu ó lonxe, por riba dun piñeiral, unha fumareda, e un primeiro asubío foise espetar no ceo. E outro, imperioso e longo, axiña denunciou, o tremer da terra, a veciñanza do Non Visto. ¡Alí viña xa o tren, unha riola de monstros ben mandados, co altivo capitán de ferro á fronte! ¡Medraba, medraba!

Salaios de condenados, sichos brancos, topadas, trasacordos, e deseguida todo ficou en grande silencio diante dos ollos abraiados dun labrego vello e dun neno que aquel día estreara uns zoquiños novos. Foi só un pequeno intre de repouso. Non baixou ningún viaxeiro. Case ningún abicou. Subiron moi apresa nun coche de terceira dúas mulleres atrancadas de cestos, máis torpes canto máis espavorecidas polo apremo. O tren parecía sufri-la impertinencia das moitas cortesías cando se está apurado.
E fuxiu de novo, cheo de indiferencia como para non se lembrar máis do pobre apeadeiro podrecido. O neto fala moito. ¡Como corría o tren! ¡E non levaba cabalos! E había un neno coma el que abicara pola fiestriña. Un neno ben vestido, de cara fina, que tiña nos ollos esa expresión dos ricos nenos das cidades, que andan en tren e viven en casas moi altas. Aquel neno non se asombraba de ir en tren. ¡Que secreta finura había naquela indiferencia! E tamén ía unha señorita cunha teíña liviá como as que fan as arañas, cubrindo a face... Unha teíña morada.
O vello fala pouco. Vai satisfeito pero un tanto tristeiro. Naquel mundo que lostregara un intre diante del, abesullaba moitas cousas endexamais presentidas alá nas altas toxeiras. Había máis mundos que o seu. Mundos embruxados, ledos e tentadores. Mais el, xa, malpocado...
De súpeto o rapaciño dixo:
—Eu, cando medre, tamén hei de andar en tren.
As engurras do vello teceron unha sombría tristura. O rexo carro de bois volvía rinchando, xemendo e dando tombos para a aldea de nome bravo e silvestre perdida entre calados cumios.

Rafael Francisco Antonio Olegario Dieste Gonçalves
Rianxo 1899 – Santiago 1981

quinta-feira, 21 de agosto de 2008

1936

Guindaran con el no fondo dun andel, aló estaba, nese cuarto onde ía parar todo o que xa non se usaba, coma el que tanto e tanto loitara pola república e que agora remataba os seus días roido pola humidade, a feruxe e o pó.
Ó seu carón un ferro da roupa laretaba coa caldeireta do leite sobor dos bos tempos. -Lembro cando me botaban a auga a ferver e me puñan ó lume pra que non enfriase e dese menos choio prancha-la roupa, aquelas noites de inverno cando o sol se puña ás seis da tarde e a xente se recollía darredor da leñeira, daquela eu era imprescindible. A caldeireta ficaba caladiña namentras o ferro se laiaba. -Eu nunca estiven ó calor coma tí, pois mandabanme con algún cativo busca-lo leite chovera ou tronase e ó voltar á casa quitábanme aquel leite morniño pra botalo a ferver na pota ó teu carón. Así que o frío que pasamos aquí non me incomoda, estou acostumada a el, o que sí boto de menos é a limpeza, no tempo que levo aquí collín unha cantidade de pó incrible. -A min tamén me gusta o cheiro do xabrón e cando era roupa que se lavaba no vertedeiro por un apuro cheiraba moito ó de sosa de toda a vida. -Ese é o xabón co que me lavaban a min, sempre era azuliño, anque lembro que algunha vez foi marelo ou case branco.
Daquela un xerro que estaba na outra punta do andel mandounos calar -Sempre o mesmo, dicia, sempre igual, remataredes por tolearnos a todos co cheiro do xabrón. Quen me dera que viñese algun traste novo pra deixar de oirvos laretar coas lerias de sempre.
-Mira tí, es un amargado xerro, como xa non fan viño na casa remataches aquí connosco, mudáronte polo vidro, agora pouco vales -con sorna repricoulle o ferro-. Amáis pra novo xa tes ó tamboril que leva connosco dez días e aínda non contou nada. ¿Oes tamboril seica non dis nada? ¿ou é que te mercaron e guindaron contigo neste andel?
-Non tal (dixen eu) vin pra galicia no ano 1936 cun raparigo que foi á guerra con dezaseis anos, e que por ser tan pequeno o puxeron de tamboril. Eu xa tiña dez anos cumpridos cando me puxeron nas máns daquel cativo pero soubo coidar ben de min. Nunca tiven queixa, cando voltou á casa tróuxome con el, foi a primeira vez que subín ó tren. Cando casou tróuxome a esta casa, fun traballar con el á montaña, ás canteiras da quenlla e tamén fomos xuntos de foliada.
-E se tanto viviches, porqué nunca nos contas nada.
-Cada cousa ó seu tempo ... -marmurei- Cada cousa ... ó seu tempo.

quinta-feira, 7 de agosto de 2008

Celso Emilio Ferreiro

Onde vas vida miña?
-Vou camiño da morte,
Vida miña
Quen che fixo esa ferida?
-Un amor coma unha espiña,
vida miña, vida miña.
Van as bágoas polo río
chora á sombra dun suspiro
vida miña.
Mira a luz dun novo día
sinte as túas mans nas miñas
vida miña, vida miña.
.-.-.-.-.-.-.-.-.-.
Celso Emilio Ferreiro

Sinxelamente xenial. UNICA