terça-feira, 30 de setembro de 2008

Pasou un mes

As tardes na lareira son moi malas de levar en silencio, oindo só o zumbido das moscas. Un deses seráns estando de palique a do leite e o da roupa decatáronse que o xerro tiña un debuxiño no bandullo:
-Oiches xerro, levamos un anaco a matinar o ferro e máis eu pra saber ¿quen che fixo ese debuxo no bandullo home?
-E eu que sei, seria o alfareiro, ou ó mellor un artista dalgunha aldea, o que sei e que o levo dende que nacín.
-Pois eche ben curioso, o artesán que te fixo firmouche no fol, e non canso vai e ponse a pintar. Debes de se-lo único xerro do mundo cunha cunca no ventre.
-Mira caldeireta, déixame tranquilo ¿queres?.
-Bueeeno home, bueeeno. Xa calo.
Pero unha das moscas que andaban a voltas por ali pousouse na cunca que o xerro ten pintada: -Parece que a mosca quere aprender a lere, xerro. -Soltou entre gargalladas a do leite.
-O único que pon é XX Festa do viño da Ulla, pois alí me mercaron, e coma min había ducias de xerros e xerriñas.
Dende o fondo do andel onde o tamboril descansaba, unhas verbas calaron o zumbido das moscas, que pousaron no aro do cribo pra escoita-lo conto.
-Moitas son as festas neste noso país, onde se ven xerros, cuncas, cazolas ou pratos de barro cocido co nome da festa na que se venden. Igual ca na ulla, pasa na feira do mel de Quiroga, co queixo da Arzúa, ou cos callos da francesada do San Miguel.
-Anda que non tes conto ti nin nada, iso da francesada inventachelo agora mesmo. unha das moscas saiu zumbando do aro do cribo pra irse abanear no aro da caldeireta. -Quita dahí becho ... -rosmou ela.
-Eu non teño por qué inventar ningún conto, de certo estaría mellor caladiño e descansando sen ter que rifar contigo leiteira, pero tampouco ven mal, de cando en cando, botar unha parrafada.
-E tan de cando en cando -acenoulle o ferro- levas un mes caladiño, os trinta días fainos hoxe, pero xa que comezaches cóntanos que é iso da francesada do San Miguel.
-Estando de alborada aló na Arousa coñecín unha gaita que me contou como sobreviviu o santo daquela capela á invasión dos franceses. Aló polo 1800 os veciños dunha aldea da Arousa fixéronlle unha capela ó San Miguel e tódo-los anos pola vendima coincidindo coa súa festa facían unha comida na que o prato principal eran os callos. No ano 1808 os franceses quixeron invadir a nosa terra e chegar polo camiño xacobeo a tomar Santiago, máis en terras dos Celenis os galegos fixéronlle-la espera e déronlles unha malleira. Algún deses franceses, agochado polas congostras, chegou ata o cuartel e avisou do acontecido. Foi entón cando se puxeron de novo ó camiño, pero desta vez arrasaban con todo. Ían polas aldeas asasinando mulleres, meniños e vellos, entraban nas igrexas, levaban todo o que houbese de valor e logo prendíanlles lume. A gaita contoume que o tío avó do pai do gaiteiro, que morrera de moi velliño con cento oito anos; se librou daquela matanza porque a súa nai se agochara con el nunha cova no monte. Un dos que se salvou da francesada foi o San Miguel ó que os veciños da aldea quitaron da capela pra que non lle-lo queimasen os franceses. Entre catro homes collérono e agochárono no pozo dunha casa que os do pazo da Golpilleira tiñan na vila. Anos despois cando xa botaran fóra ós franceses quitaron o santo e levárono á capela do pazo. No día da súa festividade colleno pola mañá e levano de volta á súa capela, onde está durante os catro días da festa ata que o baixan á capela do pazo.
-¿E os anos metido no pozo, non lle fixeron mal á madeira do santo?
-Non cribo non, ese é o miragre do santo, a imaxe saiu do pozo igual de nova ca cando a meteran.

sexta-feira, 26 de setembro de 2008

Descubrín ...

... hai uns días que o meu apelido é o nome que lle dá a menciña china a unha canle que comeza no dedo anular da nosa man dereita e se estende polo interior do brazo ata a cabeza pasando porriba da orella homónima. Mira ti por onde resulta que agora son un vieiro de enerxia que circula por dentro de todos nós, e activandoa, conseguimos un estado de benestar e relaxación. Pois non che tiña nin idea, pero como boa galega que son, tendo a buscar ese benestar por medio do ocio, coma por exemplo o inventor do fubolín, que resulta que foi un galego que quixo un dia de inverno ir botar un partidiño e non puido porque caían chuzos de punta, e díxose el -E se puidesemos cunha man gobernar tres ou catro xogadores, a ver a ver, e se lle meto unha vara polo cú teñoos ensortellados e podo levar eu a metade do equipo e outro levar o resto, aplícolles forza nalgunha canle que a menciña china aínda non descubriu e de paso entretéñome eu e os tres compadres que xogamo-la partida. Así o fixo, e o unico que buscaba este galego era o benestar por medio do ocio; o del, porque os bonequiños do xogo ... O caso é que por moi bo fluxo de enerxía que teñamo-los galegos sempre hai excepcións porque como me dí a miña nai -Ti a min estrésasme, non calas nin que te furen. -¡¡¡Pero se eu xa son unha canle de benestar!!! Non preciso que me furen coma bonequiño de fubolín.
E eu crendo que san Xiao era un santiño de Antioquía cuia perseverancia na fé o levou a martir sendo o irmán superior dunha congregación que el mesmo creou; o que sí coincide é que na canle tamén hai un Jiao superior, un medio e máis un inferior.

Seis lúas son cincuentecatro días.

Cada verán conta máis ou menos con dez lúas. Entre o corpus e o San Ramón pasan seis delas e como cada unha ten nove días fan cincuentecatro días. Ese foi o tempo que o tamboril tivo pra respirar tranquilo sen o rebumbio dos foguetes. Durante o verán a casa é un fervedeiro de xente, iso sí, pola fresca pois ás catro da tarde non hai quen ature ó sol pra ir á sega, á leña ou por toxo. Aquela mañá de sábado os cativos da casa achegáronse á lareira cos zoquiños novos a ve-lo que o avó facía. O avó estaba na lareira ó fresco, remexendo no baúl de madeira de teca que viñera de Cuba co seu sogro Diosiño. Alí gardábanse unha chea de libros vellos que eran o anceio da maior das cativas, e tamén alí era onde a avoa tiña gardado o rosario de pau que herdara da súa nai. Á avoa antolláraselle que tiña que ir oi-la misa do san Ramón con el e o avó remexía no baúl coidando de que os libros voltasen ó lugar que ocupaban pra que collesen todos de novo. Apareceu o rosario e cativos e avó pecharon a porta da lareira.
-Mira que leva tempo este home a remexer ahí. E total que non fun quen de ver o rosario do demo porque o gardou no peto namáis atopalo.- protestaba a caldeireta.
-É un rosario que xa era de Neves do pazo -púxose o ferro da roupa a explicar- e é de pau de rosa por iso o avó o gardou no peto, pra que non perda o recendo.
-¿E ló, ti xa o viras antes?
-Vin sí, e tiveno preto moitas veces, contoume unha mañá de domingo antes de ir á misa coa dona que o mercaran nos Milagres por unha promesa á virxe.
-¿E nunca tiveches preto un deses libros? -inquiriu a caldeireta.
-Seica toleas -a voz o baúl de Cuba anoxado resoou en toda a lareira- o papel destes libros arde e o ferro quéntase na cociña pra estarrica-la roupa, ¿ti non vés que podían queimarse só con estar préto del?
-Mira tí, don sabechón, eu estiven unha chea de veces ó carón da cociña de ferro e nunca me ocorreu nada.
-E eu enriba dela -marmuraba o ferro- e xa teño queimado algunha peza de roupa, e o papel é máis delicado cá tea dos refaixos.
A caldeireta virouse anoxada coa sorna da resposta.
-Máis direivos que o que estes libros conteñen non é nada do outro mundo, pois non hai entre eles máis ca enciclopedias da escola dos rapaces e tratados sobre enxertos. -aclarou o baúl.
-Pois semella que te-lo bandullo cheo de historias e contos.
-De certo sí gardo un caderno interesante señor cribo, pois nel cóntase toda a historia do concello máis está escrito no latín dos arxinas e moi poucos saben lelo.
-Coñezo ese caderno -falou o tamboril- era o que o meu dono levaba consigo a todo-los lugares e cando ía coas vacas ó monte, escribía nel os contos e andanzas de tódo-los veciños.
De socato un foguete estourou no ar e un calafrío percorreu ós habitantes da lareira, os máis deles non por medo, senón porque non o agardaban. Foi o baúl o que se deu conta do que pasaba:-O avó estaba buscando o rosario pra que a avoa fose á novena con el. Remata o mes de agosto e é o tempo do San Ramón da Anllada.
-A istoria desa capela está escrita no caderno. Eu óinlla unha tarde ó avó mentras lle-la contaba os rapaces da casa do doutor que lle preguntaron porqué o seu hórreo era o máis grande da aldea.
-¿E iso? -con estas verbas voltaba do seu mutismo a do leite porque lle picaba a curiosidade.
Escomenzou o tamboril dicindo -Durante séculos esta freguesía foi a que máis curas deu á diócese de Santiago. Asi é que polos arredores case tódo-los curas son dacó. Antes os labregos non tiñan con qué pagarlle-las misas ós curas e o que facían era levarlle patacas, millo e feixes de trigo. E pra ter onde gardar todo iso mandaron construir grandes horreos. A casa do doutor pertencera a un seu tio, o cura de Coto e por iso é tan grande o hórreo. Outro día direivos de onde nace a auga desa casa.
-Vaia latriqueiro estás feito -ría o ferro da roupa.
-Como vos dicía moitos eran os curas nados nesta parroquia, habíaos de tóda-las ideoloxías e incluso algúns as defendían con tanto fervor que se enfrontaban ós veciños pra que se cumprise a súa vontade. Na maioría das aldeas os curas eran coma caciques, o que eles dicían ia á misa, pero non era así no san André de Vea, onde as ideas políticas enfrentaron a don Ramón cos veciños, e estes foron a Santiago pedindo que lles mudasen de párroco que senón tomarían eles a xustiza pola súa man. E así foi, como a diócese non deu resposta os veciños botaron o cura da parroquia e este trouxo consigo a capela que aló mandara erguer ó san Ramón nonnato e máis o seu cruceiro, e son os que están no campo onde hoxe hai romaría.

quinta-feira, 25 de setembro de 2008

Pasou o día, pasou a romaría

¡¡¡Qué tranquilidade!!!, un refrán galego dí que pasou o día, pasou a romaría e inda menos mal. A casa está no alto da aldea e a lareira, onde está o tamboril, ten unha fiestra á eira e outra á horta. Dende o seu estante a caldeireta via pola fiestra da horta e polo medio das ponlas da oliveira que as bombas daquela mañá eran as do corpus. Por sorte só foi un día de festa e o tamboril volveu sumirse na tranquilidade do cuarto, anque non tiña moi claro canto ía durar.
-A de onte foi unha boa festa. Dicía o ferro da roupa.
-E iso que ti non a viches como a vin eu, toda a xente engalanada e logo os gaiteiros a tocar. Mira que eran bos eses músicos ¿De onde virían? Moito me gustaría ir con eles e ve-las aldeas, os pobos, os carreiros polos que dan a alborada -soñaba a caldeireta.
-Eran do Baño -e o tamboril volveu calar.
-Vaites (díxolle a caldeireta) e tí como sabes iso se dende aquí a pouco non os vexo nin eu, e ti estás na outra punta do andel.
-Pois porque recoñecín o xeito do Patelas.
-Patelas ... Patelas ... pois non caio-replicou a caldeireta-¿e tí de que o coñeces?.
-Conta conta -acirroulle o ferro da roupa.
-Pouco hai que contar, ia o meu dono de camiño ó Baño e pasando Vilar atopou o gaiteiro, que lle preguntou de onde viñera eu e se quería ir de foliada con el, pois o tamborileiro del estaba con tuberculose e non saia da casa, así o coñecín.
-Hoxe non tes gana de falar, por iso no-lo contas así sen ánimo ningun- botoulle en cara a caldeireta.
-Eu sí o coñezo- a voz saia dun cribo que estaba pendurado dunha punta de ferro na parede da porta.
-Mira tí por onde temos aquí un persoeiro coma o tamboril e nos sen sabelo.
Escomenzou o cribo a falar -Non fungues dese xeito muller -repricoulle á caldeireta- , o Patelas é un gaiteiro do Baño que dende moi cativo comezou a xogar no taller do seu avó, que era carpinteiro; e como lle gustaba a musica deu en facer instrumentos. Con madeira de buxo facía gaitas, anque tiña que estar de cote afinando nelas, pois cada ano o punteiro retorcía pra seu sitio e soaban diferente. Así foi como pouco a pouco foi ensinando ós cativos a toca-la gaita e ata pandeiros e pandeiretas que el mesmo facía. Apesares disto nunca deixou de lado o oficio e seguiu fabricando culleres, peneiras e ata cribos. Ahí nacín eu.
-Mira por onde ti podías estar polas foliadas con el.
O cribo fitou ó tamboril-¿E iso?
-O que rematas de contar agora é certo. Coma bo neto de carpinteiro adicouse a iso por herdanza do seu avó. Sendo un mozo cumprido escomezou a ir ás romerías, ás fiadas e ata ás mallas pra ir ás mozas. Aló foi onde coñeceu ós compadres que tocan hoxe con el. En tempos de pouco traballo o Patelas ía tamén ó xornal; a bota-lo millo, á sega, a por nas patacas e ata a quitar esterco. Estando dunha volta nunha casa de Castrolandín atoparon no fondo dunha corte un mastro con ferreñas e un pau ranurado que rozaba nun aramio e as facía soar. Os mozos non sabían que era aquilo máis o avó dun deles que tiña cento un anos díxolles que se chamaba Charrasco. No seu talleriño amañouno. Engadiulle máis e mellores ferreñas, mudou os aramios por cabres de aceiro, púxolle un taco de goma no pé pra que fixese menos balbordo ó peta-lo no chan e tamen un mastro desmontable pra que fose mellor de levar, e poñendolle unha peza ou outra podía toca-lo un cativo ou un maior. Correu a voz e os dun grupo de Santiago que o coñecían pedíronlle un, eles levárono por todo o país e como o Patelas era o único artesán que os facía colleu sona en toda Galicia. Co tempo foi buscando a comodidade, chegando incluso a facelos con cabres que se tensaban e afrouxaban pra non torce-la madeira e ata os facía cos aros dos cribos e cribas de diferentes tamaños. Asi é que ti, seguramente, estiveches a piques de seren un Charrasco e por encarga dun cribo remataches acó.
-Pois é algo que non che sei -asinteu o cribo- Máis que fun feito por encargo si o sei,pois a casa do Pazo é onde toda a parroquia viña coce-lo pan, acó sempre había fariña na artesa ata que unha noite de inverno fixo falla un cribo, pois ó vello furaraselle a malla. Foron entón onda o Patelas que era o mellor ebanista do monecipio e voltaron comigo prá casa.

Camiño Sur III


Dona María Francisca de Portocarrero, condesa de Montijo; era a viuva do XIX conde de Lemos, pai de don Fiz. Era unha muller altaneira e de carácter seco, coma a árida castela na que naceu; cos ollos encoveirados pola extrema delgadez, a súa faciana semellaba a dunha pantasma que vaga por este mundo por non ter quen lle ofreza unha misa pola súa ánima; sempre se queixaba do mal tempo de Monforte e de que a humidade lle desfacía os ósos por dentro. Nunca estivo dacordo co seu casamento, que coma outros moitos da época fóra pactado polos seus pais pra emparentala coa casa de Alba, tan pudente neses tempos. Dende que a súa irmá casara e se convertera na Emperatriz Uxia de Francia os pais coidaron que o Conde de Lemos era o mellor partido pra ela. Sen preguntarlle nada concertaron o casamento e unha mañá de maio presentáronlle ó conde que había se-lo seu home, aquel ó que ela rexeitaría sempre anque era un mozo guapo e comprido. Sen opor resistencia algunha pasados corenta días celebrouse a voda e o Condado de Montijo viviu dous días de festa. Xa como marido e muller o Conde trouxo a dona Mª Fca. a Monforte. Ela pasou días e días fechada no seu cuarto e á fin decidiuse a deixar de chorar e abri-la porta porque o Conde lle levou a invitación pro baile que se celebraba na casa dos Losada e Quiroga.
Os Losada eran das mellores familias de Chantada e cada ano polo Corpus celebraban na Casa de Boan un baile pra nobreza Galega; a el ían asistir entre unha longa lista de convidados os Lemos, os Moure, os Alvarez-Osorio, os Eiriz, os Somoza, os Soutomaior e os Andrade. Co gallo do baile dona Mª Francisca aceptou ir á feira a Ourense a merca-la tea pro vestido e pra casulla que o conde había lucir a xogo co vestido da súa dona.
Chegado o Corpus asistiron á festa. Os Condes eran o matrimonio máis novo da festa e tódo-los convidados se desfacían en preguntas ós recén casados. Logo da cea comezou o baile e foi aquí cando o anfitrión pediu permiso ó conde pra bailar coa súa dona. O conde non puxo reparos e dona Mª Francisca accedeu por cumprir, un valse tras doutro estiveron conversando mentras xiraban polo salon e pouco a pouco dona Mª Francisca ficou prendada dos ollos de don Gil de Losada e Quiroga.
Pasaron os días e xa dona Mª Francisca se fóra adaptando ó clima húmido de Galicia, ata se convertera nunha muller facendosa e atenta ó seu marido anque cada vez que ían a un baile ou unha cea axexaba sempre en busca de don Gil. Estando unha tarde adicada ás súas labores unha das súas doncelas de compaña contoulle que don Gil pedira en casamento a man de dona Carme de Moure. Partéuselle o corazón.
Meses despois sóubose que o marqués de Moure e Valadares fora a san Xurxo de Asma en busca de Ilda a costureira, pra que lle axudase a dona Carme coa roupa do neto que estaba de camiño.
O corazón de dona Mª Francisca non puido máis coa carraxe contra dona Carme, e aquela mesma noite confesoulle ó Conde de Lemos que quería ter un fillo. A sorte quixo que concebise un meniño que naceu setemesiño ó que chamou Carlos Fiz e que sería o XX Conde de Lemos.
Case un mes despois dona Carme deu a luz unha meniña á que chamaron Mariana. Contaba a meniña uns meses cando o andazo chegou a Chantada, dona Carme tivo a mala sorte de caer enferma e por máis que loitou o doutor non puido facer nada pois cando chegou dende Santiago xa era demasiado tarde, e a vida esvaecíase tra-los ollos de dona Carme.
Ó enterro acudiu toda Chantada, ata o conde de Lemos; anque dona Mª Francisca non foi co conto de que non podía deixa-lo meniño e aledándose de que a muller que levou o home que ela quería o pagase coa vida. Mal sabía ela que don Gil falecería meses despois nas guerras carlistas e nunca sabería do seu amor.
-PAXINA III-

quarta-feira, 17 de setembro de 2008

Rosiñas


Prós avós, polo grandes que son e o pequeniños que nos fan sentir sempre cun só mimo seu.

Bicos a Carme, Celestino, Velia, Elsa e á bisavoa Pepa.

terça-feira, 16 de setembro de 2008

Lágrima, Dulce Pontes


Cheia de penas
Cheia de penas me deito
E com mais penas
Com mais penas me levanto

No meu peito
Já me ficou no meu peito
Este jeito
O jeito de querer tanto

Desespero
Tenho por meu desespero
Dentro de mim
Dentro de mim o castigo
Eu não te quero
Eu digo que não te quero
E de noite
De noite sonho contigo

Se considero
Que um dia hei-de morrer
No desespero
Que tenho de te não ver

Estendo o meu xaile
Estendo o meu xaile no chão
Estendo o meu xaile
E deixo-me adormecer

Se eu soubesse
Se eu soubesse que morrendo
Tu me havias
Tu me havias de chorar

Por uma lágrima
Por uma lágrima tua
Que alegria
Me deixaria matar

Acaso hai mellor xeito de espertar de madrugada, pra ti meu nené porque hoxe faiche falla todo o amor do mundo. Amote. Moitos bicos porque son pequenos.