sexta-feira, 31 de outubro de 2008

Vinteoito solpores máis

Aquel venres os cativos rebulían por todos lados mentras súa nai baleiraba un dos cabazos que viñeran da veiga da eira.
¿Pra que quererán estes trosmas o cabazo ese?, se total o único que lle podían aprobeitar e xusto o que están a guindar- estas e outras dúbidas rondaban a cabeza do ferro da roupa que calado ollaba que os cativos viñeran buscar un dos cirios que se gardaban naqueles andeis.
-¿Que che ocorre ferro?, que tan atento estás o que fan os cativos - inquiriu a do leite.
-E que o que se come dos cabazos é a carne de dentro coa que se fan chulas, non sei pra que o baleiran.
-Nin eu. ¿Oes tamboril, ti non saberás que andan a argallar?
-Hoxe é o Samain, a noite na que a liña entre o mundo dos vivos e o dos mortos é máis feble, o que fan co cabazo é unha lanterna pra que se guíen as ánimas dos mortos da familia.
-Bueno tampouco será pra tanto, ti es un caso, cando botas calado tanto tempo sempre saes con algunha nova, ¿non é ferro?
-Acouga que pode que sexa certo o que el di, pensa que coñece moita xente e moitos sitios, por qué nos ía enganar.
-Que estivese calado case catro semanas non quere dicir que estivese argallando algunha trola. O ano dos celtas remataba canda a colleita, e crían que nesa súa última noite do ano a liña antre os dous mundos deixaba que os defuntos viñesen a visitalos. E pra que se guiasen facían lanternas coas cabazas coma a que están a facer os cativos. Logo cando os romanos viñeron e nos inculcaron o seu calendario colleron moitos dos costumes que xa tiñamos e adaptáronos; por iso o día de tódo-los santos lles levan flores e candeas ós cemiterios. Antigamente facíano a noite do Samaín. A xente saía ós camiños de noite enloitados e con candeas. Daquelas procesións quedounos a crenza da santa compaña e moitos contos coma o de Xan do Caeiro.
-Contanos logo qué lle aconteceu a Xan do Caeiro, haber se o conto é máis crible- riron a caldeireta e o da roupa.
-Sabedes que a santa compaña é unha procesión que percorre os camiños e as aldeas, diante levan un cadaleito e se polo camiño atopan algún vivo, este está obrigado a termarlles dunha das candeas ata que atope outro vivo que lla colla. O que lle ocorreu a Xan do Caeiro foi que unha noite, mentras voltaba á casa de ir ve-la moza que tiña nunha aldea veciña, chegando á Senra oiu unha campaíña e viu unhas lusiñas que se lle achegaban en procesión. Agochouse tras dunhas silvas e puido ve-la santa compaña que levaba unha caixa cara a súa aldea. Cos ollos arregalados polo medo botou a correr polas congostras pra chegar antes cá procesión. Comezaron os cans a oubear, pois ventan a morte, e por máis que apurou o paso Xan non foi quen de adiantar á compaña. Cando chegou á súa eira veu que dentro da casa había luz, e creu que falecera algún veciño e que a súa nai se erguera pra axudar, albiscou pola ventá e veu un home coma el pero máis vello dentro do cadaleito. De súpeto caeu ó chan. Alí o atoparon pola mañá e cando se recuperou soubo que falecera un seu tío que viñera había uns días da Arxentina. Dende aquela sempre que alguén camiña de noite e oe oubea-los cans prega pra que a santa compaña non o leve no cadaleito.

terça-feira, 28 de outubro de 2008

Pra nené

Polo vintenove do samaín.

terça-feira, 21 de outubro de 2008

Hai xa vintetrés anos

O baúl escomenzou a rir -Fiquen quedos cativos, non me fagan cóxegas, quedos coas súas prumiñas ¡quedos! -E que se nos atopa o golpe vainos comer.-Perdan coidado amiguiños, que o golpe non colle polo buraco por onde vostedes entraron.
Dende o alto o tamboril e o ferro fitaban a escea caladiños, máis á do leite non llas cocía o corpo e soltou: -Agora sí que che é boa, se deixamos que durman acó van encher todo de lixo e de piollos.
-Mais a vostede... ¿que lle fixeron agora os pitiños?
-Agora nada. Pero logo verás, cando os cativos certen deles vanlles traer auga e millo, anos deixar durmir acó, e cando vaian medrando e voen pousaranse nos andeis e deixarán todo estrado de merda.
-Non a ser tanto, non esbardalles caldeireta, ti non ves que cando o avó os fite vainos levar pro galiñeiro e rematou o conto-. As verbas do tamboril tentaban acouga-la xenreira da do leite.
-Si home, acó xa temos pó dabondo sen que estes piollentos veñan a face-lo peor.
-Moitas son as lendas que nesta terra nosa pasan de avós a netos nas noites de trebón e que falan deles, de pitiños de ouro.
E arreumuiñándose onda a esquina do baúl unhas vociñas lenes dixeron-¿É iso certo? Conta tamboril conta.
-Hai xa vintetrés anos no día de hoxe, antevéspera do San Froilán, o gaiteiro de Soutelo chamou polo meu dono e díxolle que tiñan que ir a Lugo de foliada. O meu dono acetoulle e á mañá seguinte puxémonos en camiño. Chegando a Monterroso colleunos unha treboada e tivemos que nos gorecer nun alpendre do lugar. Zorregaba auga a deus dar e decidimos acender unha fogueira nun curruncho pra seca-la roupa mentras fóra chovía. E falando da choiva e do arco da vella que sae cando raia o sol logo de chover o dono do alpendre escomenzou con esta lenda.
No alto dun outeiro preto de Monterroso había un castro e nos tempos de antes dicíase que unha moura chegara alí cun tesouro, pero como xa tentaran roubarllo noutro castro agochouno tras dunha fonte. Moitos mozos dos arredores percorrían os camiños das fontes logo das treboadas porque a lenda conta que a chave pra abri-la fonte e colle-lo tesouro é pilla-la galiña dos pitiños de ouro. Cando remata a choiva os vermes que hai no chan saen porque os seus buracos se lles encheron de auga. É daquela cando a galiña sae cos pitiños a comer nos vermes e beber da fonte fresquiña. Un cativo que andaba polos arredores co gando viunos sair da fonte e andivo a enredar con eles ata pilla-los todos e metelos no peto. Saiu entón a moura e pediulle que soltase os pitiños de ouro sen mancar ningun deles, dicíndolle tamén que se os liberaba lle daría o tesouro que agochaba na fonte. O tal cousa oir o rapaz soltou os pitos de golpe e un deles mancou unha patiña ó caer ó chan. Naquel intre a moura desapareceu levando no colo a galiña e os pitos dicindo: posto que non fixeches caso da miña petición e mancaches un dos pitiños non che penso dar máis tesouro có pito coxo, pero de carne é óso. E dende aquela treboada non se voltaron ve-los pitos de ouro.

quarta-feira, 1 de outubro de 2008

Núa


Hola a todos:

Eu son Núa, son unha Graptemys Pseudogeographica ,teño dez semanas, a miña cuncha mide 3.5 cm ó longo e 4 cm ó ancho e peso uns 7 gramos (anque o xeito de calculalo non é moi científico, jeje, o que fixeron foi collerme a min nunha man e na outra un sobre de azucre moreno que pesa xusto iso 7 grs). Esta mañá, a iso das oito e media, comezou a sair o sol e ás nove xa nos estaba dando de cheo na vidreira da tenda. Pasaba das doce cando un rapaz moreniño entrou na tenda e dixo: -Quería unha totó e unha totosera. Perdón queria unha tartaruga, (tamén chamada tatuja ou tutuja). Escolleume porque me veu cara de espabilada (quizais porque era a que máis arriba estaba) mercoume unha totosera verde e levoume onda unha cativa que se aledou moito de coñecerme e que de seguido me levou pra casa.
Agora vivo nun pisiño do centro, teño a miña totosera á beira da ventá do salón pra ter sempre moita luz. A decoración é minimalista, teño unha palmeira pra porme á sombra e unhas pedriñas de vidro azul que podo mover cando me pouso nelas; o que si teño é unha comadre de calcio. Como se nota que a auga que me botaron é do manantial de Caleside en Ducio, sabe moi ben e é clara e fresquiña.
Ata agora o que máis me gusta do piso é correr polo parqué, aparte de que o meu son as alturas e os precipicios pois en canto me poñen enriba da mesa boto a correr cara á beira pra ver a que altura estou do chan.
Bueno amigos agora déixovos, teño algo de fame, así que vou comer e logo a durmir un anaquiño que con este norte é o que mellor senta.
Biquiños.