sexta-feira, 28 de novembro de 2008

Aires ...

Concretamente de Montillón, ben por Pepe Vahamonde.

Digital image

Logo dunha semana de traballo temos o disco completo. Sae este nadal. En canto se publique xa volo ensinarei, mentras vai ser unha sorpresa. estou leda e impaciente, agardo que vos guste. Ben, que vos guste en xeral porque nada teño que ver coa música que vai dentro; algo si teño ... anque só sexa como fonte de inspiración; o caso é que anque eu nin toco nin canto o meu traballo vai estar máis á vista có deles. Noraboa meu Nené sei que isto te fai feliz; e anque non vaia todo como ti queres, sempre se pode mellorar.

Isto vai pra tí (o meu músico particular)

sexta-feira, 21 de novembro de 2008

Os pitiños

-Eu quero, eu quero, papaie dame un, deixame un, eu quero. -a cativa pregaba por un dos pitiños marelos que rebulían na caixa ó calor da cociña.
-Dacordo, douche un, pero terma ben del non che vaia escapar.
-Vale, vale; que pequeniño é, jiji, mira como quere escapar. Papá este pitiño xa non se move, que lle pasa.
-Demo de rapaza, que lle ha pasar, tanto o apretaches que afogou.

Sen verbas

Quérote, anque non te mereza.

quinta-feira, 20 de novembro de 2008

Camiño Sur IV

Dona Mª Francisca pasaba longas tempadas en Francia co gallo de ir visita-la súa irmá, e coa excusa de que o clima da costa sur francesa é máis suave có galego e non lle facía mal ós ósos.
A mañá que don Fiz saiu de Monforte, a cabalo polo camiño sur a Santiago, atopou ó correo persoal da súa nai onda a ponte romana do Cabe. O correo viña de Sarria e cando entrou na cidade dirixiuse polo malecón cara á rúa das escadas porque era o camiño máis curto pra subir ó castelo. Alí atopou ó conde e entregoulle o sobre lacrado da súa nai. Nel dona Mª Francisca lembraballe ó seu fillo que, de volta de Francia, ía facer noite en Lugo e que se verían no pazo de Fonseca en tres días. O XX conde de Lemos asentiu e mandoulle resposta á súa nai polo correo de que así sería.
Xa en Aelfe cando o marqués de Moure e Valadares o convidou á festa das Dores aceptou sen pensalo, pois dispuña de tempo abondo.
Dona Mariana estaba coma sempre, fermosa coma as rosiñas de abril, a súa pel branca, as súas finas mans ... todo nela agradaba a don Fiz.
O marqués non quería que a súa neta quedase na casa só por coidalo a el. Quería que casase e que tivese fillos pra desfruta-los bisnetos antes de pecha-los ollos; moitas veces lle-lo tiña dito nos derradeiros anos, pero Mariana era feliz así. Aelfe era a súa casa e non quería deixa-lo pazo por nada do mundo; amáis de que os pretendentes que a rondaban eran todos fidalgos santiagueses, deses que nunca deixaría a comodidade da cidade pra vivir no paraíso da terra.
De todos cantos esforzos fixo o avó por casala o único que lle saíra ben ata o de agora era o do conde de Lemos, e era por iso que o convidara á festa.
Logo de remata-la sobremesa o marqués retirouse a descansar. Nese intre don Fiz ofreceulle a Mariana o seu brazo pra aprobeita-lo sol da tarde e pasear polos xardíns.
-¿cal é o voso recuncho máis querido do xardín dona Mariana? -Non sabería contestar, dende cativa estiven sentada nos arcos do pazo vendo florecer o xardin, enredei no labirinto e cada día vou paseando ata o pinal do fondo pra sentar a ler un anaco. Todo el me gusta ¿a qué ven esa curiosidade don Fiz? -E que a vosa faciana fai que as mellores rosas do xardin perdan dozura e beleza se as comparamos.
As fazulas de Mariana mudaron de cor; nin que o tempo se parase pasaría máis vergoña coma cando se decatou do sorriso de don Fiz, e de que tamén nos ollos del unha estreliña delataba rubor.
Unha parella de rulas comezou a cantar dende o pinal. Mariana respirou alivivada -Parece que as rulas nos chaman, vaiamos sentar á sombra, gustame oi-las cantar. -Como desexe miña dona.O Tempo discorría oíndo canta-los paxaros ata que as rulas botaron a voar a ningún dos dous se lles oiu unha verba -¿E cal é o libro que anda a ler estes días? -É unha publicación nova, os Cantares Gallegos, gústame a poesía e Rosalía sabe transmiti-los seus sentimentos cun só verso. ¿E vostede don don Fiz, ten algún poeta ou novelista preferido? -Pra non mentir dona Mariana agora mesmo non teño tempo de lecer, dende que faleceu o meu pai, son eu o que leva as contas da casa. A miña nai padece dos ósos cada día máis e pasa longas tempadas en Francia e eu son o que se encarga das terra, dos impostos e de todo. Pero o que máis me gusta é pasear e se pode ser en boa compaña mellor aínda, ¿seguimos?.
Dona Mariana acenou un sí cos ollos, prendeu o brazo de don Fiz de novo e botaron a camiñar. Aelfe estaba no alto e dende o pombal tiña unha fermosa vista do val de Chantada. Os mozos estiveron a pasear case toda a tarde, polo pinal e dende o pombal ó pazo, aproveitando un dos derradeiros días de sol no val, sentando a cada pouco onda unha fonte ou nos valos dos terreos do pazo. En chegando o lusco-fusco atravesaron os arcos do pazo e foron sentar ó comedor. Alí, onda a súa libraría, o marqués firmaba uns pregos sobor da herdanza das súas terras, atopábase feble e non quería faltar desta vida sen que Mariana casase e herdase todo.
-Parece don Fiz, que o paseiño con Mariana foi do seu agrado; enredaron case toda a tarde. -Como non ía ser, a súa neta é unha muller moi leda. Estivo ensinándome os terreos do pazo. -Gustaríame que Mariana me escoitase e me fixese caso por unha vez. Xa lle falei de que quero que case antes de que eu morra; pero non quere nin oir falar diso -Non diga iso avó, vostede ha vivir moitos anos aínda. -Pode ser Mariana pero esa é a razón pola que convidei ó conde. Falamo-lo esta mañá e está dacordo en que casedes, incluso aceptou vivir acó se non queres deixar Aelfe. ¿Ti que dis?

quarta-feira, 12 de novembro de 2008

Once noites despois

Once noite dende a derradeira conversa. Había xa días que o outono chegara e con el o frío polas noites, e o avó, coma tantos outros vellos acendía o lume do forno do pan e sentaba nun tallo a carón del. Naquela tixola furada as castañas sen un anaquiño brincaban ó calor das brasas, ó igual cós cativos que corrían onda o avó ó chegar da escola. Pero aquela mañá aínda o avó non aparecera, e a tarde anterior tampouco. Á do leite fervíalle a curiosidade e comezou a leriar co da roupa; -¿Oiches ferro? ¿que lle ocorrería ó avó, que onte non veu e hoxe tampouco? -Non che sei máis botoo en falta, sobor de todo o caloriño do lume, hai cantos recordos. O rinchar da porta fixo que calasen. O maior dos cativos entraba na lareira cun brazado de pónlas de loureiro.
-¿E isto pra qué será?
-Claro caldeireta este é o primeiro inverno que pasas acó connosco, ríu o da roupa, o rapaz voltará con outros dous, ou tres, brazados máis de loureiro, é pra afumar os chourizos da mata, claro, por iso o avó non veu onte, seguro que a mata foi pola mañá, e hoxe estan a enche-los chourizos e salga-la carne.
-Hoxe coido que non han enche-los chourizos- a voz do tamboril interrompeu a conversa dos outros dous.- Primeiro deixase o porco pendurado dun día pra outro onde lle dea o aire, anque cuberto cunha saba por mor das moscas, pra quitarlle o bravú. O seguinte que fan é partilo e ir gardando no saladeiro o unto, a costilla e todo o que non van comer estes días. Logo con carne picadiña, algo de graxa, pementón e máis cousas faise a zorza que se enche na tripa delgada, pois a grosa é a das morcillas de sangue, prós chourizos. Conto que polo de hoxe non vai vi-lo avó pra acó a afumarnos a todos co loureiro.
-Boa explicación tamboril, eu coñézoa porque sempre estiven enriba da cociña, a caldeireta non porque estaba no armario de leria cos outros trebellos, ¿pero tí andabas de cote de romaría, como é que sabes todo iso?
-Este é un latriqueiro, de seguro que o sabe de oídas ou por algún acontecido a calquera bébedo dos arredores- espetou a do leite toda chea de razón.
-Anos pasaron dende que a mata deixou de ser unha festa, un refrán moi galego dí "no san Martiño, cacheira, pan e viño" e outro "no san Martiño proba o teu viño". Ó igual cá sega, a malla e a esfolla, a mata tamén era xeito de se xuntaren os veciños e facer festa. Os mozos axudaban a aguantar do animal e pinchalo e as mozas xuntábanse pra botar unha man a afumar e lava-lo porco logo de morto. Unha vez pendurado a muller da casa puña na mesa filloas de sangue e viño novo pra todo-los que axudaran, sempre había quen collía a gaita e lle botaba unhas pezas, ó caloriño da lareira todo-los veciños facían festa e baile.
-¿E non sabes de ningunha leria?, ¿non me diga que só nos ías contar iso?- á do leite non lle pareceu nada ben que o tamboril calase de súpeto.
-De certo íavos contar un feito que ocorreu nesta aldea, pero aínda non me destedes tempo.
-Fala tamboril, deixa que badúe que xa calará.
-O que vos vou contar aconteceulle a Manuel de Terceiro de rapazolo cando unha noite de san martiño voltaba da mata da aldea de baixo. Anque era en novembro o sol lucira todo o día e quedara unha noite crara de luar. Viña subindo polos campos e cando chegou onda a carballeira oíun uns pasos sobor das follas, cando se viraba non vía a ninguén, máis cando voltaba camiñar ó pouco oía as pisadas pola beira, non fixo caso. Ó pouco oíu unha queixa tras del, coma se alguén se laiase por levar unha tunda, parouse e fitou ás súas costas máis non viu nada. Estaba só. Seguiu camiñando e unhas alancadas antes de chegar á cruz do camiño voltou oi-los pasos, os laios e unha man fría nas costas, botou a correr ata chegar á casa, e endexamáis voltou falar.
-¿Como que non falou máis? ¿e logo ti como o sabes?, vaia trola nos queres colar.
-Non te anoxes muller, o que vos dixen é certo. Máis o que ocorreu seino porque lle-lo escribeu ó seu pai ó día seguinte cando lle preguntou porqué non falaba. Percorreron xuntos toda a carballeira máis non atoparon nada. O meu dono coñecía ó cativo e a única verba que voltou dicir foi cando un cativo desta casa, por tornarlle ó can da cancela pra que Manuel entrase, caeu dun esqueiro pequeno e partíu un brazo. -Non lle berres ó cativo, foi pra tornarme ó can.

quinta-feira, 6 de novembro de 2008

Mendinho e Treixadura

Sedia-m'eu na ermida de San Simón,
e cercaron-mi as ondas, que grandes son,
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!
Estando na ermida ant'o altar,
cercaron-mi as ondas grandes do mar,
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas, que grandes son;
non ei i barqueiro nen remador.
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!
E cercaron-mi as ondas do alto mar;
non ei i barqueiro, nen sei remar.
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro nen remador:
morrerei, fremosa, no mar maior.
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!
Non ei i barqueiro, nen sei remar:
morrerei, fremosa, no alto mar.
Eu atendend'o meu amigo!
Eu atendend'o meu amigo!
Mendinho séc XIII

Fun tocar a San Simón,
fun tocar nunha lanchiña,
non me deixaron pisar'e
a herba daquela illa.
Mariñeiro de auga doce
e tamén d'auga salgada,
lévame a San Simón
e de San Simón á Habana.
Unha noite me levaron
a San Simón cunha nena
meu corazón veu chorando
por ser a noite pequena.
Agora que vén o vran
tamén vén a primavera,
tamén vén a regalía
pr'os gadañeiros da herba.
Ai lalara lalá,
ai laralá lalá,
Ai lara lara lalá
Ai lalara, lalara, la lá...
O cura de San Simón
non ten camisa lavada,
o señor cura de Arca
vintecinco na colada
Agora que ven o vran...
Treixadura "Unha semaniña enteira" 2006 (Tradicional)