quinta-feira, 29 de janeiro de 2009

Filloeira

Aquela tarde o avó abriu a porta paseniño, os cativos durmían e non quería espertalos. Achegouse ó cubano, apartouno un chisquiño e todos viron como erguia unha plancha de ferro que case parecía un trisquel ou un trebo. Pousouna no chan e pasoulle-lo barredoiro do forno pra lle quita-la maior parte da ferruxe. Botou a andar e tras de sí pechou a porta.
-¿Que diaños sería iso? vaia un triskel rariño. O caso é que se me fai coñecido ¿ti coñecelo ferro?
-E non hei coñecer, e tí tamén. De seguro que cando lembres o tempo que se achega, te lembrarás dela.
-Eu nin sequera sabía que estaba agochada tras de min, como nunca dixo nada.
-Cubano, cubano, non tódolos trebellos teñen a mesma sorte ca nós. Non todos poden falar. Mira senón o barredoiro do forno, a damaxoana do viño, aquel tallo de castiñeiro ou a pá do forno. Nin que nunca te fixases en que o ferro, o cribo, o xerro, o tamboril, ti e máis eu somos especiais.
-Non rías tanto caldeireta que tí tampouco a coñecías- replicoulle picado o cubano. ¿Oiches e que fai exactamente a trisquel esa?
-Tendes que adiviñalo, se volo digo non ten chiste . . .
-Pois danos alomenos unha pequena pista liante.
-Ponse enriba do lume e cando quence fai sabas.
-Seica te rís de nós. Acaso lle viches singer nalgún curruncho. Non te mofes dos que non sabemos, moito me amola tanta leria.
-É unha filloeira-descubriu a voz do fondo do andel.
-Vaites tamboril, seica espertaches, e amáis tes razón. É a filloeira, e o avo levouna pra cociña porque se achega o entroido.
-Iso do entroido non é máis ca unha leria prós cativos. ¿E que ten que ver o trebello ese con ir de choqueiro pola vida?
-O entroido é máis ca ir de choqueiro. É o fin do inverno e o comezo da primaveira, anque so o marquen as mimosas e as froliñas marelas das brañas.
-Moito che gusta fachendear do teu saber-atinou a caldeireta. Seguro que algunha leria do entroido nos has ter preparada.
-Muller, leria ningunha, máis se queredes falareivos de onde ven o de choqueiros.
-Iso eu seino, dixo o xerro dende o seu andel. As chocas son as campaiñas que levan as vacas do monte, e disque en ourense as levan os entroidos.
-Xusto, son os cencerros dos animáis e os cigarróns e peliqueiros lévanas nun cinto ó talle pra avisar de que chegan a polas débedas.
-Seica mandaban os pastores a cobra-los quiñons. Eses ourensáns sonche ben curiosos, asentiu o ferro.
-Nos tempos de antes (continuou o tamboril) en Verín había un castelo ó que tódo-los habitantes lle debían dezmos. Cando algún labrego deixaba de pagar ou se retrasaba o señor do castelo mandáballe ós cigarróns. Eran homes con vestiduras militares, con carautas e coas chocas ás costas que baixaban ás aldeas e zorregaban nos debedores.
-Iso sería unha vergoña, diante de tódo-los veciños, a voz do cribo púñase rubia só con dicilo.
-E tanto que era, por iso facían o que estivese na súa man por non faltar ó pago. Pero coma tóda-las vellas costumes, foise perdendo co tempo. Anque bueno, perder non se perdeu pois hoxe son a imaxe do entroido de Verín; incluso durante a guerra foi o único sitio onde se seguiu celebrando o entroido, iso foi o que me contou un tamboril daló.
-Preto dacó, na Ulla (aclarou o peneiro), tamén teñen un entroido parecido. Chámanlles xenerais do ulla e anque non lle zorregan a ninguén con nada, as verbas lévanas ben afiadas.
-Levan sí, lembro que un ano plo entroido foramos o avó e máis eu co Patelas á Ulla e estaban aló os de Merza co vello dos cornos. Un rapaz da Ulla facíalle as beiras a unha moza de Gres e como ela non o quería, mandoulle ós xenerais que lle cantasen
-Pensaches que por ser rico,
me tiñas xa na mau,
moitas serdas ten o porco,
e non pasa de marrau.
O raparigo enrrabechado contestoulles
-Moceaba eu no araño,
coa filla do arañonhe,
ela bonita non é,
porca sí, honrada nonhe.
Podían botar en regueifa todo o día, e se se achegaba a hora de comer os veciños tiñan que porlle prato ós xenerais nas súas mesas, máis facíano con gusto pois sempre se enteraban dos rexoubares dos veciños
-O cura maila criada,
ordenaron unha festa,
peneiraron a fariña,
ó abrigo dunha xesta.

Nenhum comentário: