quinta-feira, 8 de janeiro de 2009

Roscón

Sen dúbida gardo moi bos recordos das roscas feitas na casa do avó, anque non sempre se cocían no forno de pedra, a maior parte das veces facíanse no da cociña de ferro. O caso é que toda a casa recendía a anís e tamén estaba quentiña pois a cociña cocía durante catro ou cinco horas.A noite anterior mamá amasaba cinco kilos de fariña e por cada kilo botáballe : 8 ovos, 8 culleradas de azucre, 1 de sal, levadura de pan, 1 de manteca de porco, o zume e a raiadura dun limón e anís ó gusto (so ou con coñac) ou esencia de anís. O caso é que aquela enorme masa quedaba dentro da pota azul de face-lo queixo a levedar toda a noite. Pola mañá erguíase cedo pra acende-la cociña (anque ás veces aínda tiña rescoldos) e cando estaba quente puñase a tendelas. Pra tender primeiro fáiselle un corte á masa en cruz (disque así saen mellor), logo collese un cuarto da masa, ponse na mesa estrada de fariña e vanse facendo as roscas, brazos ou trenzas. En cadanseu anaco de papel van pro calor, enrriba da cociña de ferro puñase unha táboa amparada por dúas banquetas, e as roscas a medrar. Tendo conta de non poñelas moi preto do lume, logo non se cocerían, ianse virando pra que medrasen por igual. Antes de cocer pintábanse con ovo batido, tendo conta de non pincha-las porque logo quedan duras; e adornábanse co azucre seco ou mollado e con guindas. A nós gustábanos moito esa mañá, andabamos a rebulir pola cociña e cada vez que abriamo-la porta un recendo doce percorría a casa toda. Logo de botar media horiña no forno en canto saía a primeira rosca era unha festa, ata o avó se achegaba a ver como sairan desa vez.
Hoxe o roscón fano nas panaderías e na miña casa tamén se perde pouco a pouco un bo costume. A min gustaríame que os meus fillos soubesen como se fan as cousas, así que, en canto teña unha casiña, o forno non hai quen mo quite pra recuperar cousiñas coma esta.

Nenhum comentário: