Aquela mañá de coresma era véspera de Ramos e os veciños da aldea pasaban pola casa pra recolle-lo ramiño de oliva que levaren a bendicir, como pasa noutros moitos lugares a maior parte dos veciños son parentes ou compadres e o avó gustaba de convidalos a unha taza de viño cando viñan. Foi por iso que sobor das dez veu á lareira, colleu ó xerro e o levou á bodega.
-Parece que o xerro non volta polo dagora, sorte que ten o condanado, que o levaron desta poeira (fungou a caldeireta)
-Non rabies, a ti tamén che a tocar logo, supoño que te levarán de hoxe en oito días pola auga bendita.
-Iso tamén é certo ferro, amáis de que a auga non deixa o cheiro do viño.
-Eu non me fiaría da auga,-rosmou baixiño o tamboril.
-¿Qué rosmas tí tamborileiro? ¿seica che roe a envexa?
-Non tal, eu non coñezo ese berme. O que digo é que a auga tampouco é sempre limpa e sá. Senón pregúntallelo ós de lobeira e que cho conten.
-¿E qué me ían dicir? ¿Seica lles saíu a auga lodada?
-Case . . . os mouros envelenáronlla. Nas abas do monte Lobeira esténdese unha cidade da arousa, e do mesmo monte nacen sete minas que lle levan auga a tódolos veciños. Anos hai que os mouros do castro lupario se cansaron de que os veciños lles remexesen as minas en busca dos seus tesouros, e pra que os deixasen en paz, envelenaron con trementelo as sete fontes.
-Iso non pode ser, ¿acaso ti non sabes que o tormentelo é pra tingui-lo cabelo as mulleres? ¿cómo ía ser iso un veleno?
-Eo leiteira, eo se o bebes coa auga.
-¿E como souberon os veciños qué lle ocorría á auga? ¿Falaron cos mouros acaso? inquiriu o ferro.
-Os mouros só falaban con aqueles que non lles querían facer mal, e foi un cativo que coidaba do gando no monte e quixo beber dun picho o que os viu botarlle-lo trementelo á auga. Ata que os veciños deixaron de remexerlle-las minas e as covas na procura dos tesouros non deixaron os mouros de envelana-la auga. Ata unha cantiga temos que no-lo lembra:
Dende Lobeira a Monte-Cabalos
hai unha mina de sete reinados;
sete de ouro, sete de prata,
sete de veleno que mata.
Pasado-los anos, enriba do castro a raiña Lupa ergueu un castelo e como xa os mouros desapareceran as minas da auga quedaron de corredores do castelo á vila, e algún día hanse volver usar coma cando da guerra, que foron o agocho da república.
-Agora xa sei por qué coñece-la istoria, é ou non é roxo tamboril.
-Podes garda-la sorna caldeireta porque a lenda contouma o mesmo que me dixo o da francesada do san miguel.