sexta-feira, 12 de junho de 2009

. . . é o tempo de o millo sachar

Neste tempo é cando se escomenzaba a sacha-lo millo . Lembro que o de domea-lo espiñazo non era o noso. Gustabamos de sementalo ó cordel, na nosa casa tiñamos sementadeiros e non daba choio ningún, nin sequera tiñamos que aniñarnos, a non ser que as herbellas (que non cabían polo oco do sementadeiro) nos caesen fóra do buraco. O certo é que era un traballo agradecido, como eramos tantos, nunha horiña tiñamo-lo choio feito e todos a pola merenda. Pasaba o mesmo polo san xosé cando se poñen as patacas, miña nai botaba dúas tardes a picalas, deixándolle dous ollos en cada anaquiño e nós cando viña o "trator" co arado en tres cuartos de hora rematabamos. Pero o de sacha-lo millo é un quefacer máis duro. Botabamos horas debaixo do sol, e anque fosemos pola fresca tanto tiña, iamos rematar igual cós camaróns. O bo de ter unha casa con moita xente é que entre no-los catro, miña nai e meu avó rematabamos en catro ou cinco tardes. A sacha do avó tiña o mango moi longo, el era moi alto, e por mor da dor de cóstas sachaba case de pé, iso sí, nunca sachaba un só gran, e coa cota da sacha ata lle quitaba as herbas do medio ós catro grans. Catro grans ou cinco ata ás veces seis ou un só, segundo lle cadrase. -Achanzade o rego- rosmaba miña nai, que parece que veu o xabarín a furar. A outra sorte que nós tiñamos era que na casa non se daban sacha e arrenda, facíase todo a unha, ainda bo era. Cando rematabamo-la escola viñan as festas todas, o Corpus, o Santísimo, o San Xoán, o Carme, a Santa María, o San Ramón ... pero tamén viña sacha-lo millo, as herbellas, pementos, cebolas, tomates, a herba seca, limpa-los arrós, apaña-las patacas, planta-lo repolo, sulfatar, garda-la leña ... e cando a escola volvía comezar viñan as festas do patrón, o samaín ... e con elas esfolla-lo millo e a vendima, logo comezaría o inverno e irse mollar pra lle traer herba verde ó gando, e cando en xaneiro non chova tocará poda-las vides e atalas, igual lle tocaba poda tamén ó limoeiro ou laranxeiro, poñe-las patacas de cedo e agardar que viñese o marzal pra sementa-lo millo de novo.
Vivir nunha aldea é o mellor do mundo, botá-lo pé fóra e estar "na túa", e inda tendo que colle-lo coche pra ir a calquera sitio, lévanche o pan á casa, e tamén o peixe fresco do día.
Inda lembro cando no verán miña nai tiña que ir ó xornal prós veciños axudar a apaña-las patacas, e nos levaba con ela a min ou o meu irmán pra apaña-las que o arado deixaba no rego e logo de merendar empanada, nos daban "cen pesos", miña nai que festa, cen pesos, iso eran lambonadas o que quedaba do verán, iso sí, ás veces a dourada moeda tiña que caer no peto e aló ían as cincocentas pesetas.

Nenhum comentário: