quinta-feira, 29 de janeiro de 2009

Filloeira

Aquela tarde o avó abriu a porta paseniño, os cativos durmían e non quería espertalos. Achegouse ó cubano, apartouno un chisquiño e todos viron como erguia unha plancha de ferro que case parecía un trisquel ou un trebo. Pousouna no chan e pasoulle-lo barredoiro do forno pra lle quita-la maior parte da ferruxe. Botou a andar e tras de sí pechou a porta.
-¿Que diaños sería iso? vaia un triskel rariño. O caso é que se me fai coñecido ¿ti coñecelo ferro?
-E non hei coñecer, e tí tamén. De seguro que cando lembres o tempo que se achega, te lembrarás dela.
-Eu nin sequera sabía que estaba agochada tras de min, como nunca dixo nada.
-Cubano, cubano, non tódolos trebellos teñen a mesma sorte ca nós. Non todos poden falar. Mira senón o barredoiro do forno, a damaxoana do viño, aquel tallo de castiñeiro ou a pá do forno. Nin que nunca te fixases en que o ferro, o cribo, o xerro, o tamboril, ti e máis eu somos especiais.
-Non rías tanto caldeireta que tí tampouco a coñecías- replicoulle picado o cubano. ¿Oiches e que fai exactamente a trisquel esa?
-Tendes que adiviñalo, se volo digo non ten chiste . . .
-Pois danos alomenos unha pequena pista liante.
-Ponse enriba do lume e cando quence fai sabas.
-Seica te rís de nós. Acaso lle viches singer nalgún curruncho. Non te mofes dos que non sabemos, moito me amola tanta leria.
-É unha filloeira-descubriu a voz do fondo do andel.
-Vaites tamboril, seica espertaches, e amáis tes razón. É a filloeira, e o avo levouna pra cociña porque se achega o entroido.
-Iso do entroido non é máis ca unha leria prós cativos. ¿E que ten que ver o trebello ese con ir de choqueiro pola vida?
-O entroido é máis ca ir de choqueiro. É o fin do inverno e o comezo da primaveira, anque so o marquen as mimosas e as froliñas marelas das brañas.
-Moito che gusta fachendear do teu saber-atinou a caldeireta. Seguro que algunha leria do entroido nos has ter preparada.
-Muller, leria ningunha, máis se queredes falareivos de onde ven o de choqueiros.
-Iso eu seino, dixo o xerro dende o seu andel. As chocas son as campaiñas que levan as vacas do monte, e disque en ourense as levan os entroidos.
-Xusto, son os cencerros dos animáis e os cigarróns e peliqueiros lévanas nun cinto ó talle pra avisar de que chegan a polas débedas.
-Seica mandaban os pastores a cobra-los quiñons. Eses ourensáns sonche ben curiosos, asentiu o ferro.
-Nos tempos de antes (continuou o tamboril) en Verín había un castelo ó que tódo-los habitantes lle debían dezmos. Cando algún labrego deixaba de pagar ou se retrasaba o señor do castelo mandáballe ós cigarróns. Eran homes con vestiduras militares, con carautas e coas chocas ás costas que baixaban ás aldeas e zorregaban nos debedores.
-Iso sería unha vergoña, diante de tódo-los veciños, a voz do cribo púñase rubia só con dicilo.
-E tanto que era, por iso facían o que estivese na súa man por non faltar ó pago. Pero coma tóda-las vellas costumes, foise perdendo co tempo. Anque bueno, perder non se perdeu pois hoxe son a imaxe do entroido de Verín; incluso durante a guerra foi o único sitio onde se seguiu celebrando o entroido, iso foi o que me contou un tamboril daló.
-Preto dacó, na Ulla (aclarou o peneiro), tamén teñen un entroido parecido. Chámanlles xenerais do ulla e anque non lle zorregan a ninguén con nada, as verbas lévanas ben afiadas.
-Levan sí, lembro que un ano plo entroido foramos o avó e máis eu co Patelas á Ulla e estaban aló os de Merza co vello dos cornos. Un rapaz da Ulla facíalle as beiras a unha moza de Gres e como ela non o quería, mandoulle ós xenerais que lle cantasen
-Pensaches que por ser rico,
me tiñas xa na mau,
moitas serdas ten o porco,
e non pasa de marrau.
O raparigo enrrabechado contestoulles
-Moceaba eu no araño,
coa filla do arañonhe,
ela bonita non é,
porca sí, honrada nonhe.
Podían botar en regueifa todo o día, e se se achegaba a hora de comer os veciños tiñan que porlle prato ós xenerais nas súas mesas, máis facíano con gusto pois sempre se enteraban dos rexoubares dos veciños
-O cura maila criada,
ordenaron unha festa,
peneiraron a fariña,
ó abrigo dunha xesta.

sexta-feira, 23 de janeiro de 2009

Caravel

Caravel caraveliño
caravel dos días santos
como te hei de coñecere
meu caravel entre tantos.


Esta copla tradicional está basada na lenda apócrifa (ata hoxe) de santa Carlota.
Aló polo ano mil catrocentos vivían en Italia unha rapaza e a súa nai, as dúas eran costureiras e as dúas moi fermosas. Por causa dunha invasión que houbo naquelas terras tiveron que separarse; a súa nai deixouse a ir cos soldados pra que non lle fixesen mal á filla. Así quedou Carlota soiña.
Armándose de valor e sen importar que a xulgasen de prostituta botóuse ó camiño pra atopa-la súa nai. Foi percorrendo toda Europa preguntando por ela e o único que lle dicían era que estaba en Rusia cosendo prós Tzares.
Chegou un día a un pobo no que lle dixeron que súa nai podía estar nunha gran casa que había ó final do pobo, porque os soldados ían moito por alí. Cando entrou atopouse cun burdel cheo de mozas bonitas. Dise que entón foi cando cantou pra sí a copla do principio, tentando dicir "como te vou atopar miña nai fermosa entre tanta beleza".
Din que dende entón Santa Carlota é a patrona das prostitutas, pois na época calquera muller que ousaba deixa-lo seu pobo era considerada como tal.

quarta-feira, 14 de janeiro de 2009

Dhais

Hola a todos... ... ... ... ... ... o meu nome é Dhais, significa Deza, e é o nome do fillo de Brigo, o guerreiro celta que descubriu a comarca que leva o meu nome. Mercáronme na Estrada e son o agasallo de Reis de Ducio. Son unha Trachemys scripta troosti, e polo meu tamaño teño unhas nove semanas (anque teño a cuncha sen pechar de todo) mido 3,4cm de longo por 3,3 de ancho e peso como uns 7ou 8 grs. Agora vivo en Vilagarcía e comparto piso coa Núa. Levámonos bastante ben, polo menos mentres non medremos moito e collamo-las dúas na totosera, jejeje. De momento son bastante tímida e cando me quitan da auga aínda teño algo de medo e non paseo alá moito. Tamén tedes que ter en conta que son pequerrechiña e estes días vai moito frío. Iso sí, cada vez que sae unha raioliña de sol, xa estou eu subida ós altos e toda estarricada pra aprobeitalo, gústame moito o caloriño. O que máis me apetece agora é que veña xa o verán pra estar máis espilida e non aterecida polo frío, e iso que día sí día non, Ducio límpanos o pisiño e botanos auga morniña, e fai que se leve mellor o día. Como estamos no inverno case non comemos nadiña, pero a min gústame probar de todo, ata lle metín un chancho á folla dunha pointsettia, jiji. Bueno amigos aquí vos deixo unha aperta e un par de fotos pra que se me vedes por ahí me saudedes.

Bicooooooooos

quinta-feira, 8 de janeiro de 2009

Roscón

Sen dúbida gardo moi bos recordos das roscas feitas na casa do avó, anque non sempre se cocían no forno de pedra, a maior parte das veces facíanse no da cociña de ferro. O caso é que toda a casa recendía a anís e tamén estaba quentiña pois a cociña cocía durante catro ou cinco horas.A noite anterior mamá amasaba cinco kilos de fariña e por cada kilo botáballe : 8 ovos, 8 culleradas de azucre, 1 de sal, levadura de pan, 1 de manteca de porco, o zume e a raiadura dun limón e anís ó gusto (so ou con coñac) ou esencia de anís. O caso é que aquela enorme masa quedaba dentro da pota azul de face-lo queixo a levedar toda a noite. Pola mañá erguíase cedo pra acende-la cociña (anque ás veces aínda tiña rescoldos) e cando estaba quente puñase a tendelas. Pra tender primeiro fáiselle un corte á masa en cruz (disque así saen mellor), logo collese un cuarto da masa, ponse na mesa estrada de fariña e vanse facendo as roscas, brazos ou trenzas. En cadanseu anaco de papel van pro calor, enrriba da cociña de ferro puñase unha táboa amparada por dúas banquetas, e as roscas a medrar. Tendo conta de non poñelas moi preto do lume, logo non se cocerían, ianse virando pra que medrasen por igual. Antes de cocer pintábanse con ovo batido, tendo conta de non pincha-las porque logo quedan duras; e adornábanse co azucre seco ou mollado e con guindas. A nós gustábanos moito esa mañá, andabamos a rebulir pola cociña e cada vez que abriamo-la porta un recendo doce percorría a casa toda. Logo de botar media horiña no forno en canto saía a primeira rosca era unha festa, ata o avó se achegaba a ver como sairan desa vez.
Hoxe o roscón fano nas panaderías e na miña casa tamén se perde pouco a pouco un bo costume. A min gustaríame que os meus fillos soubesen como se fan as cousas, así que, en canto teña unha casiña, o forno non hai quen mo quite pra recuperar cousiñas coma esta.