Aquela mañá erguérase o avó ben cedo, fora buscar toxo e achas de carballo. Acendeu a lareira e cubriu o cubano cunha saba branquiña, que tiña dun lado as iniciais E e C bordadiñas.
-Vaites,polo visto hoxe non imos ter acougo.-sentenciou a caldeireta dende o seu andel.
-E que anda a nora tendendo nas roscas e o avó vai cocer acó, xa verás que ben cheira logo a casa toda.
-¿Seica pra iso te levaron onte á cociña cribo?
-Pois sí, fun peneira-la fariña de trigo que moeran.- replicou fachendoso o cribo.
Voltou entra-lo avó e tras del os catro cativos con cadansúa acha pró lume. Botoulle entón a man á caldeireta e voltou ós intres con ela chea de auga, nun caldeiro de zinc tiña un pó acastañado, coa auga deixou feito barro e foise.
-Caldeireta, ¿vai frío fóra?
-Ata non vaias pensar xerro, a que está ben fría é a auga do picho ¡Condanada! non coma o teu viño que sempre remata morno.
-Non me tires da língoa lercha.
-Non rifedes, que inda vos van oir.- tentou acougalos o agochado cubano.- xa había ben tempo que non vía esta saba, gardeina moito tempo, foi parte da dote que bordou a avoa, coa máquina que eu trouxen de cuba agochada no bandullo.
-Nin que fóras un ladrón.
-Cala muller, cando o avó vello voltou de cuba viña feito xastre e trouxome daló pra coidar da máquina de coser, do candil e máis do ferro, ou non meu vello.
-Máis andas no certo cubano, lémbrome dela e doutras tantas que coseu a avoa coas súas inciais, Elsa e Celestino.
Voltou o avó con dúas roscas e logo de facer sitio no forno púxoas dentro a cocer, pechou a porta de madeira e selouna co barro do caldeiro.
-Agoriña sí, mira pra que era o lameiro ese que fixo o avó.- dende o curruncho do estante saiu a voz do xerro.
-Pra que o forno garde todo o calor do lume, e así coce antes as roscas, igual có pan ou as empanadas de millo.
-Xa me tardabas en rosmar.- dixolle a caldeireta ó tamboril.- era moito, era moito que ti non souberas pra que é.
-Bueno muller, por sorte pra nós xa non pechan o forno coma antes, pois os pobres non tiñan nin barro. Un gaiteiro de Meira cantaba
"Heite de mandar á merda,
anque tí non queiras ir,
cun saquiño remendado,
coma quen que vas pedir"
-Ei sabechón, agora non veñas faltando.- anoxouse a caldeireta.
-Só quería que soubesedes que antes mandaban os rapaces cun cesto ou un saquiño a po-la bosta seca dos camiños pra logo pecha-lo forno. Non todo-los veciños tiñan un can pra merca-lo barro. ¿E que máis terá con qué pechen a porta do forno? O bolo é igual de sabedor agora có era antes e anque os tempos sexan mellores e onde antes os padriños puñan un ou dous ovos hoxe poñen unha ducia, a rosca segue sendo a mesma.
Á noitiña o avó pechou a porta e voltouse oi-la voz do cubano.
-Oiches tamboril e logo non tes ningunha istoria que nos contar que teña que ver con este tempo . . .
-Iso sabechón, agora xa non nos oen, cóntanos algo. ¿ti que dis xerro?
-Levas razón caldeireta.
-Nestes catro días nas igrexas non oirede-las campás ata o domingo de pascua.
-¿E cómo chaman á misa?¿e se morre algun veciño?¿e se ai lume?
-Caldeireta, deixa fala-lo tamboril, ¡demo de faladeira!.-berrou o cribo
-Lembro que un ano na feira do gando de Monterroso coñecín unha carraca que estaba a parolar do caso cunha choca de Trives. Eu non che son moito de igrexa e o máis das cousas que sei é de oidas nas romarías e procesións dir co gaiteiro e dela aprendin esta "matrécola". Contáballe a carraca á choca que na pascua non soan as campás porque están enloitadas. Disque o fillo de deus morreu no venres santo e non resucitou ata o sábado á noite; é por iso que non soan as campás. Víase toda atafegada pois rabiaba porque a mercasen de novo pra soar. Gabábase de ser a primeira carraca que soou na Ulloa logo de que dous mozos daló recollesen o costume e na misa do sábado de resurección, sen lle dicir nada a ninguén; cando estaban xa os fregueses dentro da igrexa co lume e o cirio présos, e botándolle a bendición á auga; no intre en que tiñan que soar as campás puxéronse a correr darredor da igrexa coa matraca na man e de súpeto tódo-los veciños sairon ás présas pensando que o teito de madeira se crebaba e lles ía caer enriba. ¡Demo de trebello! vaia ruido.
Nenhum comentário:
Postar um comentário